A Ruta, Concello e Uned organizan xornadas divulgativas nas adegas

O viño e a súa maridaxe, nova proposta turística

Un dos carteis indicativos da Ruta do Viño do Ribeiro. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O vindeiro venres celébrase na Adega Pazo Casanova a primeira xornada da actividade promocional 'Harmonía de Sabores da Ruta do Viño do Ribeiro'. O obxectivo consiste en divulgar a oferta da Ruta do Viño, dando a coñecer tanto os seus recursos turísticos coma os establecementos e concellos que forman parte dela.
Mediante a maridaxe dos viños con diferentes alimentos autóctonos de Galicia, 'pretendemos que a poboación local ou rexional se achegue ata o noso territorio para coñecer e degustar ditos productos, e de paso aproveite para visitar os diferentes establecementos adheridos, nos que se poderán practicar numerosas actividades, ademais de visitar as adegas, coma poden ser roteiros de sendeirismo, termalismo, visitas culturais, actividades náuticas, paseo en catamarán, disfrutar da gastronomía galega, e moitas máis cousas'sinalaron os responsabeis da Ruta do Viño.

A idea radica en varias sesións de maridaxe con productos de Denominación de Orixe, de Indicación Xeográfica Protexida, e tamén con noces, conservas e castañas. As seguintes xornadas serán en abril, maio e xuño, todas ás 19,00 horas. Participarán 25 persoas por sesión, que abonarán 30 euros se asisten ás catro e 10 euros no caso dunha única xornada. Forman parte da organización a Uned e o Concello de Ribadavia e estarán impartidas polo sumiller Antonio Raluy, subcampeón de Galicia no 2010.

Te puede interesar