Concelleiro de Ourense

Andrés García Mata: ‘O transporte metropolitano debe concretarse’

Andrés García Mata.
A Concellería de Mobilidade asegura ter feito os deberes para a implantación do transporte metropolitano e pide axilidade á Xunta.
A conexión de Ourense cos seus concellos limítrofes a través dun transporte mancomunado é un servicio desexado pola cidadanía dende fai anos. A Tenencia de Alcaldía, mediante a Concellería de Infraestructuras e Mobilidade, conseguiu desbloquear esta situación tras acadar un acordo coas empresas de transportes de viaxeiros e a principios de ano iniciou reunións con alcaldes dos municipios do ámbito de influencia metropolitana que concluiu, no mes de maio, coa firma dun protocolo rubricado por 16 concellos para instar á Dirección xeral de Transportes a dar luz verde ó proyecto. Os nacionalistas ourensáns traballan dende entón coa previsión de que neste ano estaría funcionando o servizo (ratificado pola conselleira María Xosé Caride, o pasado mes de xullo).

¿Como está o proxecto?

Aínda non temos información definitiva da Xunta de cómo vai a desenvolverse o plan do transporte metropolitano en Ourense. O pasado mes de febreiro tivemos unha reunión con Política Territorial na que estiven eu co alcalde e na que lle transmitimos a necesidade de tirar para adiante coa área metropolitana. Dende a Consellería díxosenos que si e que andaban a traballar niso. Houbo un compromiso da Dirección xeral de Transportes de facer unha segunda reunión en Ourense cos concellos dos arredores e de momento non hai contestación, estamos esperando.

¿A estas alturas do ano todavía confían en que porá porse en marcha no 2008?

Desde logo sería unha mágoa que rematara o ano e non se fixera, pero xa non depende de nós, quen ten que mover ficha agora é a Conselllería de Política Territorial e esperamos que así o faga. Se xa hai a decisión política de sacar adiante o transporte metropolitano en Ourense, como de feito parece que hai, e con crédito nos orzamentos creo que este é o ano máis axeitado. Nós xa fixemos o que tiñamos que facer, agora xa son acordos técnicos nos que lle corresponde avanzar á Xunta.

¿Que é o que está a retrasar estes trámites?

Supoñemos que será un problema de xestión da Dirección xeral de Transporte que terá outros asuntos por riba da mesa, pero non o sabemos nin entramos a valorar. A relación do Concello coa Xunta é fluida pero os ritmos son diferentes. Nós tomamos a iniciativa en Ourense como unha necesidade e chegamos a acordos cos concellos, entre os que hai de distintas formacións políticas, e o que demandamos é que unha vez que está tomada a decisión política se empece a camiñar cara a súa concreción e se materialice.

O protocolo do Concello inclúe a 16 concellos, pero a Xunta fala de oito. ¿Cómo quedará?

Das cuestións técnicas non sabemos nada definitivo, pero non fagamos diso unha discusión. O importante é que se poña a andar o servizo aínda que sexa con menos concellos. Despois, falando, poderá irse ampliando, pero é necesario dar os primeiros pasos aínda que sexa cun ámbito de actuación máis reducido.

Así que desde o Concello toca esperar.

Si. Nós fixemos un chamamento aberto ós concellos limítrofes explicánlle o noso plantexamento e quedou plasmado nun convenio como punto de partida que trasladamos á Dirección Xeral de Transportes. Houbo incluso adhesións posteriores de outros concellos o que evidencia que hoxe existen claras dificultades nestas conexións, que se poden solventar traballando e con vontade política de que se materialice o proxecto.

¿Cal é a mellor opción?

Nós abogamos por diferentes intercambiadores para mellorar a accesibilidade da rede interurbana, cunha penetración relativa na cidade, que sexa cómodo e funcional, con billete único.


Te puede interesar