Baltar rexeitou o uso do galego como 'controversia' e desexou que se vexa como 'orgullo común'

O Día da Lingua Materna reflicte a dignidade do idioma

Luis González Tosar, Xesús Alonso Montero, Anxo Lorenzo, Jesús Vázquez e José Luis Baltar. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O Día da Lingua Materna, que a Unesco promulgou no ano 1999, celebrouse onte por primeira vez en toda Galicia. O lugar escollido foi o Centro Cultural da Deputación, ata onde se achegaron un amplo número de personaxes sociais e culturais da cidade. Como ponentes, estiveron o profesor Xesús Alonso Montero, o poeta e presidente do Pen Clube de Galicia, Luis González Tosar; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o presidente da Deputación, José Luis Baltar.
Abriu o acto a mensaxe que a directora xeral da Unesco, Irina Bokova, escribiu co gallo do día da Lingua Materna. Seguiu a esta lectura a conferencia central da celebración, impartida polo profesor Alonso Montero, na que afondou na historia da lingua e, con especial incidencia, remitiu o seu maxín á época franquista. Dela asegurou que o galego non estaba prohibido en tódolos eidos, posto que 'á miña casa nunca veu Franco'.

As palabras de Anxo Lorenzo dirixíronse ás familias galegas, ás que lles encomendou o labor de transmitirlle a lingua ás novas xeracións, 'tanto os pais galegofalantes como os non galegofalantes', afirmou. No seu chamamento, pediulle ós galegos que desenvolvan esta tarefa con 'afectividade e cariño'. Pola súa banda, Jesús Vázquez manifestou que 'o Día da Lingua Materna recoñece a importancia da diversidade lingüística'.

No discurso co que concluiu o acto, Baltar desexou que o galego se alce como 'bandeira de orgullo común' e rexeitou que sexa vista como 'bandeira de controversia'. En canto á xornada promulgada pola Unesco, manifestou a vontade da institución que preside de 'recuperar a falla de atención ó rasgo que máis nos define' e seguir celebrando o Día da Lingua Materna.

Te puede interesar