Enfermaría converterase en facultade da UVigo no 2024

Sesión do Consello de Goberno da UVigo, celebrado onte.
photo_camera Sesión do Consello de Goberno da UVigo, celebrado onte.
O obxectivo é que o novo estudantado do curso 24/25 xa inicie o grao no edificio do Campus Auga

O primeiro Claustro do 2023 da UVigo deu onte os primeiros pasos para integrar as tres escolas de enfermaría públicas adscritas á Universidade de Vigo nun só centro: a Facultade de Enfermaría. Coa aprobación da memoria para a creación deste novo ente, búscase encamiñar “unha vella aspiración” tanto das escolas de Ourense, Pontevedra e do Meixoeiro como da propia UVigo, como indicou o reitor, Manuel Reigosa. Esta nova estrutura permitirá subsanar algúns dos principais problemas que sufre o actual modelo de catro centros adscritos “agudizados pola transformación das titulacións en graos e as esixencias correspondentes en canto a cualificación do profesorado ou garantía de calidade do título”, como se recolle na memoria presentada ao Claustro.

Unha vez obtido o visto bo por asentimento do Claustro ao informe preceptivo, elevarase ao Consello de Goberno a petición de creación da Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo, co obxectivo de que o estudantado de novo ingreso do curso 2024/2025 nos tres campus xa inicie o grao na nova facultade. “A desadscrición faríase curso a curso, mantendo ata a finalización do proceso unha dualidade que respecte os dereitos do estudantado”, manifestou Reigosa.

A coordinación do centro corresponderá a un decano, que estará acompañado por dous vicedecanos, cada un nas dúas sedes restantes, e un secretario, así como unha única unidade de xestión económica e administrativa. O novo protocolo deberá identificar as previsibles novas necesidades que suporá a creación desta nova facultade.

Respecto das localización, no caso de Ourense establecerase como localización provisional o edificio do Campus Auga, para logo cambiar na remodelación de espazos do Campus. No caso de Pontevedra será o Hospital Provincial, mentres que en Vigo será, tamén de forma provisional, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ademais, o reitor tamén indicou na súa intervención que existe a posibilidade de que no futuro se poida integrar nesta facultade a escola privada de Povisa.

As novatadas serán consideradas como faltas de tipo “moi grave”

No primeiro Claustro tamén se aprobaron normativas e documentos relevantes para toda a comunidade universitaria, como o Código Ético, a Normativa de Convivencia e o Regulamento Disciplinario, tres textos que xorden ao abeiro da nova Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de Convivencia Universitaria, que substitúe o Regulamento de Disciplina Académica de 1954. No que atinxe ao Código Ético, María José Bravo Bosch,  responsable de Inspección de Servizos da universidade, explicou que ten como misión “contribuír á mellora da vida das persoas e da súa contorna socioeconómica a través da docencia, da investigación e da transferencia de coñecemento”. Pola súa banda, a creación da Normativa de Convivencia establece os valores e estándares de conduta que deben ser coñecidos e respectados por todos os membros da comunidade universitaria.

Complementariamente ao código ético e á normativa de convivencia aprobouse o Regulamento de Réxime Disciplinario, un documento que, como indicou o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, “foi realmente sinxelo de redactar” dado que houbo un acordo dende o inicio “para que no marco do Sistema Universitario de Galicia se desenvolvese unha normativa común” e porque as universidades “non poden alterar nin a natureza nin os límites destas condutas e sancións”. O texto establece como faltas moi graves as novatadas ou calquera outra conduta ou actuación vexatoria, física ou psicoloxicamente; acosar ou exercer violencia grave; o acoso sexual ou por razón de sexo, ou calquera tipo de discriminación.

O documento tamén detalla as sancións aplicables a cada un destes tres tipos de faltas, que no caso das moi graves pasan pola expulsión de dous meses ata tres anos da universidade e a perda de dereitos de matrícula parcial, durante un curso ou semestre académico. No caso de faltas graves -como apoderarse indebidamente do contido de probas ou exames ou deteriorar gravemente os bens catalogados do patrimonio histórico e cultural da universidade- implicarían a expulsión de ata un mes, pero non aplicable durante os períodos de avaliación final e de matriculación; ou a perda do dereito á convocatoria ordinaria no semestre académico no que se cometa a falta e respecto da materia na que se tivera cometido. Finalmente, no caso da comisión de faltas leves, a sanción que se aplicará será a amonestación privada. 

Te puede interesar