A exposición inaugúrase o martes no Simeón

Unha mostra multimedia amosa a diversidade lingüística de Galicia

 Unha das instalacións que se poderán ver na mostra.
Dende o vindeiro martes, o Centro Cultural da Deputación acollerá a mostra ‘As nosas palabras, os nosos mundos’, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, co obxectivo de amosar a diversidade lingüística e as vertentes do galego.
A mostra ‘As nosas palabras, os nosos mundos’ chega o vindeiro martes a Ourense avalada polo grande éxito acadado na súa itinerancia por todo o mundo, pois mais de 10.000 persoas visitaron ata o momento esta mostra multimedia que promove o valor das linguas propias no contexto da diversidade lingüística.

A cidade será o último escenario do recorrido da mostra, poñendo o broche de ouro a un proxecto que naceu no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural e que achegou o galego a diferentes puntos xeográficos e sociais.

Nesta exposición, que se estructura en catro bloques temáticos: ‘As orixes’, ‘Isto é galego’, ‘As nosas palabras, os nosos mundos’ e ‘A nosa lingua na nosa vida’, os visitantes ourensáns poderán analizar as diferentes vertentes do galego, a súa creatividade, a súa relación coa mocidadeou o seu progreso, adaptándose aos novos tempos e o seu futuro.

Ademais, tamén proxectaranse secuencias sobre a historia do cine, publicidade e animación en Galicia, así como videoclips de música de grupos galegos, programas históricos da televisión galega, debuxos animados en galego e programas de radio cunha grande diversidade de contidos culturaias.

A mostra conta, tamén, cun punto de escoita sobre música galega e, asimesmo, cunha versión paralela en liña (www.asnosaspalabras.org), a primeira web galega sobre diversidade lingüística.

Unha viaxe de civilizacións

A primeira parte do percorrido que fai a mostra introduce ó visitante no misterio do nacemento da linguaxe, coas primeiras novas sobre a súa orixe. Así, a través de coreografías de sons, luces, sombras e transparencias descóbrense as diferentes formas da comunicación humana. A viaxe desemboca na ‘árbore das linguas’, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas, xa que do seu tronco saen as 20 pólas que representan as familias lingüísticas do mundo.

No módulo denominado ‘Isto é galego’ prodúcese a descuberta dos datos básicos da lingua galega. Trátase dunha viaxe suxestiva pola historia do galego dende a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.

O módulo que da título á exposición pon en valor a diversidade lingüística do planeta, o valor do plurilingüismo, a riqueza da multiculturalidade. É unha aposta pola sustentabilidade lingüística a través dun xogo de escoita que permite coñecer o son de múltiples linguas de orixe diversa. Por último, ‘A nosa lingua na nosa vida’ é unha ollada ao galego como lingua de creación nunha sociedade produtiva. Aquí amósanse exemplos de recursos da lingua galega nos distintos ámbitos da sociedade.

O percorrido da mostra remata en Ourense

A exposición, que será inaugurada o vindeiro martes, día 7, ás 13.00 horas no Centro Cultural da Deputación, contará coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; e do conselleiro de Cultura, Roberto Varela. A mostra xa visitou cidades como Santiago de Compostela, Vigo, Bruxelas, Bilbao, Madrid, Sevilla, A Coruña, Vilagarcía, Lugo e Bos Aires.


Te puede interesar