Entrevista

Pérez Lema: "Os delitos de odio non se defenden coa cultura da cancelación"

Xoán Antón Pérez-Lema.
photo_camera Xoán Antón Pérez-Lema.
O avogado presenta en Ourense o seu libro  “Quando grupos vulneráveis sâo feridos. A figura jurídica dos delitos de òdio”.

O avogado Xoán Antón Pérez-Lema (A Coruña, 1964), colaborador de La Región, presenta hoxe ás 19,00 horas no Liceo o seu libro “Quando grupos vulneráveis sâo feridos. A figura jurídica dos delitos de òdio”. Unha investigación sobre os delitos de odio en España e noutras latitudes.

Os delitos de odio, como os entende?

Fixen unha investigación de delitos de odio porque están de total actualidade. A Risto Mejide presentáronlle unha denuncia por delito de odio contra os non vacinados. Son barbaridades. Os delitos de odio teñen que ser persoas que sofren discriminación por razóns raciais, de relixión ou calquera outra circunstancia. No pasado próximo foron un colectivo minorizado, sinalado pola falta de respecto e pola súa despersonalización. É un concepto dinámico, cambiante… Isto é unha construción europea do Tribunal de Dereitos Humanos. Hai que interpretar os dereitos fundamentais. O delito de odio é unha extralimitación da liberdade de expresión e pode ser condenado, incluso polo Dereito Penal, porque hai un abuso. Estase a usar a liberdade de expresión para unha finalidade de destrución da sociedade. Esta defensa das minorías resulta fundamental.

Cre que en España están aumentando ultimanente os delitos de odio?

Si. Creo que aumentaron e dunha maneira substancial. Hai un mecanismo de acción-reacción. En canto ás minorías, creo que canto máis intentan equipararse a nivel de dereitos coas maiorías, hai un fenómeno de reacción.

O caso do rapaz de A Coruña, que morreu tralos golpes recibidos por un grupo de rapaces… O caso espertou manifestacións ao entenderse que puido ser un delito de odio pola súa condición sexual… 

Creo que é un delito de odio. Aínda que non o coñecían de antes, entre a primeira e a segunda agresión, perfectamente cos comentarios que hai de “maricón”, si que se sabe. Hai que deixar funcionar á investigación. Se non se comproba que houbo esa finalidade de estigmatización e de desprezo, non pode ser condenado co agravante de odio. Hai que ver as agravantes de odio no seu contexto. A manifestación de “maricón de merda” xa é un indicio, pero non pode ser o alicerce dunha única condena.

A liberdade de expresión esta converténdose nunca “escusa” na que algúns sectores da sociedade se amparan para manifestacións que poden ser delitos de odio?

A liberdade de expresión ten límites. E se se extralimita, xa non é liberdade de expresión e non pode impedir a actuación do Estado do dereito. Falo da difamación, das calumnias… En materia de delitos de odio, o que ten que funcionar son as policías, as organizacións sociais e políticas… Creo que medidas de tipo preventivo de prohibir ou suspender medios ou retirar de internet, por exemplo, resultan perigosísimos. Na tema da covid hai moita “fake news”, pero non podemos, baixo a acusación de negacionismo, prohibir outros enfoques científicos. Hai que reaccionar cos instrumentos da opinión e da verdade. Creo que non defendemos os delitos de odio cancelando, coa cultura da cancelación.

Te puede interesar