O PP de Barbadás, “preocupado” polos veciños non empadroados

Os populares de Barbadás acusan ao goberno local de “pasotismo”

Barbadás puxo en 2021 fin a unha racha de máis de 20 anos de crecemento demográfico. Este dato é de “preocupación máxima” para o PP de Barbadás, que levará hoxe a pleno unha moción para instar ao Concello a realizar unha campaña para captar a “todos aqueles veciños do noso municipio, pero que por diversas razóns, continúan empadroados noutros concellos”, asegurou Chelo Vispo. Ademais, dende os populares afirman que “a maior número de empadroados, maior achega económica para o Concello, prestando así máis e mellores servizos”.

Ademais, dende o grupo popular propoñen informar á poboación das vantaxes de empadroarse no concello e destinar unha partida orzamentaria neste exercicio para frear o descenso poboacional no municipio. Esta dotación presupostaria incluiría intervencións “encamiñadas a conquerir un Barbadás máis atractivo para vivir”.

O PP de Barbadás acusa ao grupo de goberno (do PSOE) de “pasotismo”. Ademais, critican que o goberno en minoría fai que “dependan dos seus socios da oposición para aprobar todas as súas iniciativas, que moitas veces cambian de rumbo porque senón non sairían adiante”, asegura Vispo. Neste senso, tamén recordou que o concello continúa sen orzamentos e que segue “estancado en ser un dormitorio”.

Vispo carga tamén contra a “falta de transparencia do goberno local”, xa que “durante as festas non pasou ningunha información dos positivos nin recordou as medidas básicas”.

Te puede interesar