Os socialistas pedirán todos os datos de residuos contaminantes á Confederación Hidrográfica

O PSdeG pide o saneamento do río Támega, en Oímbra

A portavoz de Medio Ambiente no Parlamento Galego, Carmen Gallego, e o deputado pola provincia de Ourense Juan Carlos Francisco Rivera, visitaron hoxe aos veciños de Oímbra que amosaron a súa preocupación pola situación do río Támega ao seu paso por esta localidade pola elevada contaminación que presenta.
Gallego lembra que grazas ás obras de restauración neste tramo do río levadas a cabo polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, que incluían un sistema de comportas, os veciños de Oímbra tiñan a posibilidade de desfrutar este verán dunha praia fluvial.

'Pero as condicións de contaminación son tales que no mes de agosto o Concello tivo que poñer uns carteis para prohibir o baño', agrega.

A portavoz socialista de Medio Ambiente anunciou aos veciños que o PSdeG presentará no Parlamento as iniciativas necesarias para esixir ao Concello como primeiro responsable, e á Xunta como responsable subsidiario, as obras de saneamento e depuración de augas residuais para evitar que os verquidos municipais vaian directamente ao río.

Ademais, os socialistas pedirán todos os datos de carga contaminante á Confederación Hidrográfica do Douro, que fai periódicamente as analíticas deste río, para verificar se ademais dos verquidos da rede municipal de alcantarillado existen outros que poidan estar cotribuíndo á contamincación do río.

Na visita, os deputados estiveron acompañados polo portavoz municipal, Gonzalo González, que lembrou que 'de forma reiterada o grupo socialista ten solicitado no pleno que o Concello asuma as súas responsabilidades en materia de saneamento, xa que é o primeiro responsable. Dado que o Concello non actúa o PSdeG presentará diversas iniciativas parlamentarias para que a Xunta asuma esta responsabilidade'.

Te puede interesar