Se para unhas vacacións facemos tantos preparativos, non menos deberan ser para a única viaxe que ningúen pode evitar. 'Hai que ir morrendo' son relatos sobre a morte en clave de humor para animar a disfrutar da vida.

Morrendo, pero con humor

Había na miña memoria demasiadas historias con cadáveres facendo rir', confesa con apariencia irreverente Xavier López, e decidíu trasladalas a un libro.
O protagonista, un home de mediana idade, narra en primeira persoa as posibles formas e circunstancias das que imaxina que podería morrer cando chegue a vello. En cada capítulo, unha morte, a súa, pero descrita con ánimo alegre e compartindo protagonismo coa vida e o sorriso. O libro é autobiográfico na parte que mira ao pasado e unhas singulares memorias de futuro a 30 anos vista, o tempo que o autor se dá a si mesmo de vida. A súa muller é o contrapunto necesario para lograr doses equilibradas de humor e ironía tratándose de tema tan serio como a morte. 'Sempre amigo do escaqueo, mesmo antes de aprender as correspondentes tácticas no servizo militar, eu liscara primeiro, sen facer caso das ameazas de María, que advertira con retirarme a palabra se así facía'.

'Hai que ir morrendo '(Edicións A Nosa Terra) enlaza pasados e futuros. Pasados de traballo de cando a infancia do autor-protagonista na aldea (Hermisende, Zamora), que parecerán hoxe historias doutras latitudes, como a preparación das airas para mallar o gran e evitar que este se perdera na terra: cubríndoas coa bosta que mozos e mozas recollían das cortes das vacas e logo amasaban con auga antes de estendela por toda a aira. A capa da bosta seca non deixaba perder nin un só gran.


OURENSE NA MEMORIA

Era nos mesmos anos da infancia nos que autor viaxa por vez primeira a unha cidade, Ourense, onde se sorprende ao ver tamén por primeira vez a televisión e unha fonte que bota auga fervendo. O Xavier adulto confesa que Ourense é a provincia pola se fixo máis galego, e en Ourense atopará unha das súas mortes soñadas, cando o coche que conduce se precipita ao río Miño. No lugar do sinistro un xornalista de La Región non se repón da incredulidade ao recoller testemuños que aseguran, convencidos, que ninguén acodira a valerlle ao condutor acidentado, aboiando na auga boca arriba, porque daban por feito que estaba todo pancho descansando.

A morte hai que tela en conta pero para disfrutar da vida e de cada momento, ven a transmitir Xavier López, que máis ca unha herdanza de bens materiais gostaría deixar un testamento de risas. Vistas así as cousas, o título do libro ben podería ser ser outro ben distinto: ¡ala, a vivir, que logo toca morrer!

'Prefiro dar a cara, non o perfil. Para quen teña curiosidade, o meu perfil xa foi descrito por Quevedo cando quixo describir a Góngora'. Coma eles, e salvando as épocas, Xavier López tamén escribe libros e así se presenta na súa bitácora dixital Brumoso, que comparte denominación co seu mundo literario (o seu Macondo particular) e vivencial, as terras onde naceu hai 54 anos, entre O Padornelo e A Canda, onde se fala galego.

O seu primeiro oficio foi o de labrador. Na actualidade, sospeita que ese é aínda o que mellor domina, pese a que o principal sustento o gaña coma xornalista en Santiago. Antes licenciarse na universidade, traballou de peón da construcción, electricista e vendedor de libros. Tamén se define como aldeano, porque ten as raíces ben entorgadas en San Ciprián. Foi finalista do Premio Xerais con 'Destrucción' e autor de numerosos libros para nenos e mozos.

Te puede interesar
Más en Sociedad