UNIVERSITAS

A arte do imposible

A sala X inicia unha nova tempada coa exposición colectiva "ir onde se supón que non tes que ir"

Como afrontar, desde a creación artística, a noción de imposibilidade? Esta é a pregunta á que os artistas Ana H. del Amo, Rosendo Cid, Manuel Eirís e Misha Bien Golas tratan de dar resposta en "Ir onde se supón que non tes que ir", a exposición colectiva inaugurada  recentemente na Sala X. Conformada por unha serie de pezas creadas especificamente para un proxecto que propón afondar nos límites da arte e na noción de imposibilidade, esta exposición colectiva foi comisariada por Rocío Osorio e Francisco e Espe Porto, do colectivo Latamuda, e poderá visitarse neste espazo da Facultade de Belas Artes ata o 6 de novembro.


Na inauguración da mostra coa que a Sala X dá inicio a unha nova tempada expositiva os artistas participantes e os comisarios da mostra estiveron acompañados polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, a decana de Belas Artes, Silvia García, e o coordinador da sala, Ignacio Barcia, que fixeron énfase no feito de que entre estes catro artistas novos, que teñen protagonizado xa exposicións individuais en espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Fundación Eugenio Granell ou a Fundación Luís Soeane, figuren dous egresados do centro, Eirís e Cid. “É un bo xeito de iniciar tempada”, salientou neste senso Ignacio Barcia, que puxo de relevo o traballo realizado “especificamente para esta exposición por tres artistas galegos e unha estremeña”, como é Del Amo.

Nesa mesma liña, a decana incidiu na importancia de dar a coñecer o traballo dos egresados e egresadas, como proxectan facer tamén no acto de conmemoración do 25 aniversario do centro, que terá lugar o 30 de outubro, e que se completará cunha “xornada de portas abertas, na que se farán visitas guiadas á facultade e cun mercado de arte”. Juan Manuel Corbacho, pola súa banda, puxo de relevo, o valor da Sala X “como plataforma de visualización de traballos e creación de sinerxías”, como a xerada neste caso co colectivo Latamuda, e, nese senso, destacou o papel que este espazo debe xogar “nese proxecto que estamos a alimentar todos xuntos como é o Campus CREA”.
O título da exposición, Ir onde se supón que non tes que ir, “fai referencia ao reto de enfrontarse ao que nunca cres que vai ocorrer, ao feito de traspasar fronteiras a partires da experiencia propia para chegar ao imposible”, salientaron os comisarios dunha mostra que recolle “como desde diferentes perspectivas, catro artistas se enfrontaron ao concepto do imposible”

Te puede interesar
Más en Universitas