CONVOCATORIA

U-la túa creatividade?

Repartiranse un  total de 8.700 euros en premios entre os mellores traballos presentados

Un ano más, e xa van 14 no caso cos concursos de Creación Audiovisual, Pintura e Maquetas de Música e 13 no de Fotografía, os membros da comunidade universitaria poderán competir polo cetro de mellor creador ou creadora artística. A competencia augúrase dura se temos en conta que na pasada edición presentáronse ás diferentes modalidades dos concursos máis de 250 fotos, 37 obras pictóricas, 16 maquetas musicais e preto de 50 traballos de creación audiovisual. Ata o vindeiro 17 de xuño terá de prazo o alumnado, o PDI e o PAS para presentar os seus traballos a esta nova edición dos concursos de creación artística no que se repartirán un total de 8.700 euros en premios. 

O Premio de Pintura é con 1.500 euros o que, un ano máis, atesoura o premio de maior importe, ao ser galardoada unha única obra, realizada con técnica libre e cun tamaño que non deberá exceder os 200 cm. na maior das súas dimensións. Polo que respecta ao Premio de Creación Audiovisual repartiranse 600 euros para os primeiros premios e 300 para os segundos, en cada unha das cinco modalidades establecidas: curta narrativa, documental, vídeo experimental, animación e vídeo publicitario. No certame de Fotografía mantéñense as dúas modalidades de edicións anteriores: serie, á que os e as participantes poden concorrer con tres, catro ou cinco imaxes e, fotografía única. Para o primeiro caso estableceuse un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300 e no de fotografía única, un primeiro de 400 euros e un segundo de 200. Por último, ao Premio de Maquetas de Música poderán presentarse solistas ou grupos que teñan entre os seus integrantes a membros da comunidade universitaria, que percibirán, caso de gañar o primeiro premio 800 euros e 400 polo segundo. En todos os casos as obras que concorran ás diferentes categorías deben ser orixinais e non ser galardoadas noutros concursos.

“Ao PAS e ao PDI anímolles a participar para facer universidade e comparar o nivel das súas obras con outros e outras creadoras e no caso concreto de aqueles que amosan o seu traballo investigador, por que é un escaparate máis para facer transferencia, darlle visibilidade a súa obra e investir os premios en seguir divulgando”, explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais. Polo que respecta ao alumnado “por facer universidade, polos cartos e a notoriedade do premio, que fai currículo e tamén para prepararse para outros certames”, son segundo Caride, algunhas das razóns polas que o estudantado debería tomar parte nesta edición dos premios.

Te puede interesar
Más en Universitas