ENTREVISTA - VIDA

As mil e unha facetas da valdeorresa Fátima Delgado

Fátima Delgado escribe para coñecerse mellor, pero tamén para conectar co resto da xente. Nuns tempos nos que a poesía é máis necesaria que nunca "para combater o extremismo que nos rodea", vén de publicar o seu segundo poemario, "Ninfopoética"

Fátima Delgado.
Fátima Delgado.
As mil e unha facetas da valdeorresa Fátima Delgado

Fátima Delgado é poeta, actriz e dramaturga. Licenciada en Filoloxía Inglesa, a súa producción literaria é na súa maioría inédita e en galego. En Santiago comezou a súa formación teatral e fundou a súa primeira compañía de teatro: As fillas de Lilith. Logo viviu un tempo en Manchester e finalmente aterrizou en Madrid, onde vive e traballa dende hai máis dunha década. Alí seguíu a súa formación artística, creou a compañía Meninas Teatro para a cal escribe e actúa,  participou en recitais de poesía e no Poetry Slam Madrid. Escribiu e rodou curtametraxes, produciu, escribiu e interpretou múltiples obras de teatro e foi parte de varios colectivos artísticos de creadoras feministas. Dende os seus inicios en Madrid transformouse en Mina O., unha das integrantes do Prostíbulo poético. No 2018 participou no Festival Kerouac de poesía en Vigo e fundou xunto a Tatiana Carel a compañía de teatro-danza La Méduse coa que estreou a obra Tsunami. É programadora da sección de poesía do festival musical SilFest Valdeorras que se celebra no verán no Barco de Valdeorras. 

Unha longa traxectoria que ten os seus incios, cales son?

Escribo poesía dende a adolescencia mais non me atrevín a amosala ata a performance poética Antiinspiración que fixen co colectivo Dosxun no pub Baranda do Barco en 2004, comezando tamén nesa época no mundo do teatro. Nese mesmo ano obtiven o 2º premio no “V Certame de Poesía para novos creadores Díaz Jácome de Mondoñedo” co poemario Vou xogar ao fútbol coas letras do abecedario, a partir de aí gañei varios premios de poesía dentro e fóra de Galiza. Despois aparecín na Antología del beso. Poesía última española, en blogs como Las afinidades electivas, El coloquio de los perros e revistas dixitais como Dulce arsénico e Poe+. No 2010 autoeditei o meu primeiro poemario: Vestida de domingo, Antoloxía poética bilingüe dentro da colección Alcálima de Romania Minor.fatimadelgado3_result

Acaba de publicar o seu segundo poemario "Ninfopoética", se non me equivoco recóllense nel poemas escritos na súa primeira xuventude, recuperados a raíz da convocatoria aberta dunha editora brasileira. Coméntenos. 

Hai uns meses a editora Urutau, brasileira pero arestora con sede en Galiza, abriu convocatoria para publicar a poetas galegos. Envieilles varios poemarios, incluso algúns máis recentes e para a miña sorpresa escolleron Ninfopoética, escrito entre 2002/2003. Tiven unha sensación de ledicia e pudor ao mesmo tempo. Esta oportunidade fixo que saíran á luz poemas da miña mocidade, versos escritos nas noites do Barco, de Santiago e de Manchester. Daquela eu tiña 21 anos, quería comerme o mundo e gozar cada segundo como se fose o último, un Carpe Diem extremo.

Que temática aborda nel? A qué público se dirixe?

Ninfopoética é unha mestura de pulsións, nocturnidade e aleivosía. Podería resumirse como a caótica vida dunha moza na vintena: sexo, drogas e rock and roll por unha banda e dor, soidade e desengano pola outra. Para min este poemario, visto dezaseis anos despois é un libro de iniciación na vida adulta, unha transición antes de chegar a etapa de suposta madurez na que me atopo agora.

Diríxese a todo aquel ou aquela que queira sentir de novo o aire fresco da xuventude. É posíbel que a mocidade se sinta máis identificada con estes poemas pero a xente adulta que non teme rexuvenecer e que teima por revisitar o pasado de cando en vez, ben seguro que vai desfrutar do libro tamén.

Que supón para vostede escribir?

Aínda que pode soar a tópico a escritura para min é unha válvula de escape, unha liberación dese run run continuo que teño na cabeza. Escribo para coñecerme mellor, para reconstruirme e quitarme capas de enriba e ao mesmo tempo para conectar co resto da xente, para estabrecer unha ponte con outras persoas. Adoro xogar coas palabras, anotar frases doutra xente e facelas miñas, incluilas nos meus versos. Levo comigo cadernos e ao principio pedíalle permiso aos amigos e á miña xente para usar as súas palabras nos meus poemas. Divírteme moito escribir e se tivera que definir a miña poesía diría que é un collage inmenso de persoas, pensamentos, música e imaxes. Non me preocupa moito fatimadelgado1_resulta forma e síntome totalmente libre ao escribir. Ese sentimento de liberdade absoluta só o podo sentir cando escribo e cando interpreto un personaxe nun escenario.

Escribe como terapia?

Non diría que é unha terapia exactamente, é unha salvación! A poesía sálvame da loucura e da inmediatez do mundo no que vivimos. Ponme os pés no chan e faime de áncora ao presente. Escribindo encontro a calma, o paríso perdido que temos todas e todos cando fomos nenos. 

Funciona a poesía hoxe en día? Como cre que ten evolucionado?

Hoxe en día a poesía é máis necesaria que nunca. Coa poesía podemos combater o extremismo que nos rodea. As nosas palabras son as mellores armas contra a discriminación, o machismo e a inxusticia. Cada vez máis a poesía toma cidades, espazos inusitados, volve a achegarnos ao rural. A poesía xera conexións entre os seres humanos e amósanos a súas zonas máis profundas, fainos sentir e atopar a nosa vulnerabilidade.

Escribir poesía éun xeito de facer política. Nas últimas décadas hai movementos moi grandes de spoken word (palabra falada), poetry slam (batalla de poetas), micros abertos ou jam sessions en bares ou cafés nas que calquera pode compartir os seus versos. O mundo da lírica crece a cotío coa poesía e co rap. Non é algo masivo, seguimos sendo underground pero estamos achegándonos a cada vez máis xente. Pouco a pouco a poesía toma as rúas. Hai un esforzo grande en implicar aos nenos e aos adolescentes neste mundo poético. Eles son o futuro e é necesario dende a educación que vexan que a poesía é algo vivo que non só se estuda nos libros de lingua ou se ve nas bibliotecas. En Galiza hai unha onda poética fermosa e inmensa dende os anos 90. Eu en Madrid son partícipe dende hai tempo de recitais, Poetry Slams e agora do Prostíbulo poético. Hai novas maneiras de coñecer a poesía e das mans dos seus propios autores! Son momentos incribles e queremos que esa onda expansiva se siga extendendo.

Máis alá de poeta tamén é actriz, fálenos desta faceta. 

Empecei a miña formación teatral na  Aula de Teatro da USC en 2005. Coa compañía universitaria As Fillas de Lilith, adaptamosao galego Las lágrimas amargas de Petra Von Kant de Fassbinder. En 2007, xa en Madrid, estudei interpretación en distintas escolas e formeime con distintos mestres como Fernando Piernas, José Carlos Plaza e Carlos Tuñón.

Como actriz participei nunha decena de curtametraxes seleccionados en festivais internacionais, entre eles Oncidium Bifolium, Sangre para el donar, ¿Me oyes?, La lección de hoy,  Navidad e Mandarinas; sendo tamén guionista de varios deles.

En 2010 entrei en Kinesfera teatro coa obra infantil El fantástico mundo de Búrnam dirixida por David Vega, na que traballei durante catro tempadas. En 2011 la compañía Meninas Teatro para a que escribín e actuei en Androsex, dirixida por Jesús Granda e estreada en 2013 na Sala Triángulo de Madrid. 

Traballei con Serendipity Teatro nas obras infantís El pozo de los deseos e Surcando los mares. En 2015 escribín e protagonicei a obra No sin mi libro, en varios teatros do OFF madrileño. En 2016 estreei En el espejo, ademáis de volver a compaxinar a faceta de actriz e dramaturga en Avón llama a tu puerta.   En 2017/2018 da man da artista francesa Tatiana Carel fundei a compañía La Méduse e coescribín e actuei na obra de teatro danza Tsunami programada dentro do Festival Noches del Ramadán do Concello dfatimadelgado2_resulte Madrid. Nesa época comecei coa investigación e escritura da miña última obra Run baby Run xunto a actriz e guionista canaria Saida Santana dentro do Programa de Mentorías da Liga de Mujeres profesionales del Teatro. Fai uns meses coprotagonicei a obra de teatro clásico Maleca de Víctor Sánchez Alonso estreada na Fiesta Corral Cervantes de Madrid.

Algún proxecto a curto prazo que poida desvelarnos? 

En teatro teño varios proxectos no horizonte, neste 2019 a obra Tsunami está evolucionando e vaise converter en Mi verano en burkini, nova obra de teatro- danza da compañía La Méduse que estrearei con Tatiana Carel, se todo vai ben, nesta tempada teatral. Ademais, na tempada 2019/2020 espero estrear a miña obra Run baby run coa que obtiven na modalidade de creación de texto teatral a "Axuda para a creación e desenvolvemento das artes escénicas" da Comunidade de Madrid. Na actualidade estamos xerando equipo técnico e artístico ao que se sumarían asesores deportivos de prestixio, debido á temática de deporte e xénero que trata a obra. Tamén, teño a previsión de participar como actriz nun par de curtametraxes que se rodarán en Ciudad Real e Madrid nos próximos meses.

Na vertente poética sigo coas presentacións/recitais de Ninfopoética en Santiago, Vigo, Madrid e Barcelona. No verán faremos algo novo no SilFest Valdeorras que aínda non podo desvelar. Tamén estou pendente de sacar o meu novo poemario Ouveos/Aullidos cunha editora independente de Cantabria.