O público constitúe o 'leit motiv' dun festival pensado en esencia para que os ourensáns poidan gozar da diversidade

Un espectáculo feito para eles

As animadas coreografias da agrupación polaca.
dende hai uns cinco anos teño o pracer de coñecer o funcionamento interno das Xornadas do Folclore e tamén dende entón teño tido oportunidade de viaxar pola provincia adiante con diferentes grupos. Algún dos elementos nos que reparei neste tempo son as caras e actitudes dos numerosos espectadores que edición tras edición acoden ó evento. Primeiro, é preciso que diga que, dende que de pequena coñecín o festival en Celanova, nunca vin un espectáculo no que as cadeiras non estivesen cheas e a xente de pé non cubrise a práctica totalidade do recinto de celebración.
As poucas actuacións que levamos este ano non indican que o aforo vaia ser diferente. Onte, primeira xornada de actuación dos grupos internacionais, tanto Monforte como O Barco rexistraron un cheo absoluto. De feito, aínda faltaban tres cuartos de hora cando as cadeiras comezaron a quedar ocupadas e aproximadamente 15 minutos antes os que chegaban xa tiñan que quedar de pé.


Público comprometido

Pero o interesante non só é o xentío que se xunta, tamén o é ver como están esas persoas durante a actuación. Moito me teño fixado estes anos nos comentarios e actitudes do público mentres os grupos bailan e debo dicir que o patrón de comportamento é o mesmo nas 18 vilas.

Ninguén perde detalle de ningunha das actuacións. Ninguén se move incomodamente no seu asento, porque saben que o mellor está gardado para o final. Os nenos bailan ós ritmos africanos ou cubanos, imitan os movementos serbios e todo dende as primeiras filas. Se o presentador pide aplausos, o público dáos. Se os cantantes piden que canten con eles o Hakuna Matata keniata, o público non o dubida. E, sobre todo, o son xeral dos espectadores é nulo, porque o silencio é o dono dos recintos no momento en que os danzantes dan os primeiros pasos no espectáculo.

Aparte da iluminación que require o escenario, entre o público vense luceciñas que, coma se fosen lucecús, deixan ver as súas caras de satisfacción polo que están vendo. Son as cámaras de vídeo, as de fotos e mesmo os teléfonos móbiles que lles permitirán recordar cando xa estean na casa e os participantes no seu país os mellores momentos que os artistas deixaron nas retinas dos ourensáns.

Te puede interesar