CARBALLIÑO

A Festa do Pulpo ofrece dúas semanas de ampla diversión

Os eventos comezan hoxe cunha andaina nocturna aos petroglifos de Cangues e rematarán co concerto do grupo de musica pop “La Unión”, o 12 de agosto, víspera da festa

O Carballiño ofrecerá un amplo programa de actividades culturais, deportivas e de ocio para dinamizar a LV Festa do Pulpo desde hoxe, 28 de xullo, e ata o 13 de agosto, día da celebración gastronómica no Parque municipal.

Os eventos comezan hoxe cunha andaina nocturna aos petroglifos de Cangues e rematarán co concerto do grupo de musica pop “La Unión”, o 12 de agosto, víspera da festa. Entremedias sucederanse concertos como os de Músicas de Sofá o 4 e 5 de agosto; Os Coribantes co grupo de pandereteiras Maianas e Manuele de Felisa, o luns 7; Budiño e Mercedes Peón, o mércores 9, e o Festival Folclórico Internacional, o xoves 10. Ademais, a Tapa de Pulpo máis grande do mundo, que se fará na Praza Maior, será o martes 8 de agosto.

O programa tamén inclúe diversas actividades deportivas na piscina municipal e na Praza da Veracruz, e de animación de rúa, que se desenvolverán polos distintos barrios do Carballiño. 

Nesta edición, a Festa do Pulpo renderá homenaxe a La Región Internacional polo 50 aniversario da publicación, e a Julio Gómez e a súa dona Lourdes Masid, de “La Ibense”, polos seus vínculos coa celebración gastronómica.

A xornada do sábado, día 12, estará dedicada ás peñas das camisetas coa participación de preto de 2.000 mozos, e o propio día da Festa do Pulpo contarase coa Banda de Gaitas de Xixón e o fin de festa correrá a cargo de Pili Pampín.

O concello editou 5.000 dípticos coa programación que comezarán a distribuírse hoxe por Galicia.

Te puede interesar