Invernos á intemperie (III)

Xosé Manuel Cid y los maestros Fernández Mazas y Luis Taboada. (Foto: )
As cifras oficiais da represión en agosto do 36 non reflicten o sufrimento real do maxisterio nesa situación de desconcerto e terror que tan ben describe don Alfonso García Rojo nas súas memorias, publicadas polo Consello Social da Universidade de Vigo (2008), cunha introdución elaborada por min.
É inxusto dicirlle a unha persoa que perde a súa praza de profesor do ensino público, polo simple feito de ter pertencido a un partido político, a unha asociación, ou non acompañar aos alumnos á misa. Mais ben deberían ser requisitos para exercer unha boa educación, pois a educacion é indisociable do exercicio da cidadanía democrática, plural e respectuosa. Máis inxusto aínda é ser perseguido por iso, durante anos, ata o punto de que teñas que abandonar o país, ou pertencer agochado onde non te encontren os verdugos. Verdugos que, nuns casos eran xentes do réxime que actuaban con total impunidade, pero na maior parte dos casos era o propio goberno golpista, con todas as súas forzas mal chamadas de seguridade e orden, o que te perseguía.

Entre as xentes que conseguiron fuxir nos primeiros momentos, e que logo optaron por desaparecer durante anos, coa axuda de familiares e veciños, hai nomes moi coñecidos, pero outros que aparecen de novo, sen que fosen tidos en conta en estudos que levamos publicado ao longo destas últimas décadas. Na memoria colectiva ainda aparecen nomes sobre os que temos pouca documentación, pero sí evidencia da súa desaparición. O mais recente, o caso relatado por Xosé Antón Vázquez Dorrío no pasado mes de xuño, cando acudíu a visitar o Museo de Historia da Educación da Facultade. O seu primo Xosé Costa Dorrío, mestre, fillo da mestra, Remedios Dorrío (Bustelo-Xunqueira de Ambía) é un dos desaparecidos sen rastro.

Nunca escoitara falar del na familia, e cando tivo pistas a través do blog do querido Marcos, preguntou durante unha comida na casa. Puido saber que 'cando chegou a guerra civil loitou por todo aquilo no que creía e que tan ben lle inculcaran tanto súa nai como súa abóa, loitou -dinme- polo bando republicano e fixoo dende o aire, como piloto de aviación.

Trala finalización da guerra, lonxe de fuxir para América e salvar o seu pelexo, el sumóuse a escasa resistencia que quedara espallada por distintos e distantes recunchos do Estado co propósito de reconstruíla República ? ata que o colleron -dinme- con propaganda contra o Réxime. Dende entón nada se sabe del.'

Non hai moito cando preparamos a homenaxe aos mestres das Terras de Santa Águeda, en Trasalva, e despois de salientar especialmente a Eligio Núñez e Rafael Alonso (paseados), tivemos coñecemento dun mestre e unha mestra, daquela zona, tamén descoñecidos ata o momento e cunha historia que xustifica amplamente o titular deste artigo. Cos seus 97 anos e unha lucidez plena, recibiunos na súa casa de Abruciños (Amoeiro), a mestra dona Concha Fernández Vázquez. Cursillista no 36, estaba esperando destino en algunha escola da provincia. Sendo a maior de moitos irmáns, catalogados de comunistas, non só perdeu a esperanza de ser mestra, como lle sinalou o cura da parroquia, senón que tomou o mando da nave familiar, para sacar adiante aos irmáns que pasaron meses na cadea. Cando xa viu que non existía perigo, marchou para Arxentina e alá casou.

Acabado o acto de homenaxe en Trasalva, conversei coa sobriña de Eligio Núñez e o seu marido, quenes me recordaron que o seu pai e sogro, tamén fora vítima da represión. Sindo Núñez tamén o pillou o golpe de estado, facendo os cursiños de selección. Por iso non aparece nas miñas listas de depurados, polo que pasei por Llavines Lorenzo, para facer a chave que me abrise as portas da historia de Sindo. Alí me contaron, con documentos, que despois da morte violenta do irmán e do seu mestre Jacinto Santiago da Escola Normal, nunha cuneta de Vilariñofrío, Sindo decidíu esconderse nos muiños que hai perto do río en Mandrás (Cea), na súa terra natal. Nada menos que once anos pasou verán e inverno naquel escondite, comendo o que lle daban os que alí ían a moer.

Na literatura pedagóxica, xa é coñecido o caso de Alonso Ríos, O siñor Afranio, disfrazado de mendigo. Na memoria colectiva está o caso de Adolfo Ansias, 28 anos de 'topo' na casa familiar da praza de San Cosme. Os meus grandes amigos, dirixentes da A.T.E.O. Armando Fernández Mazas e Baltasar Vázquez, pasaron por criados de agricultores, 'o señor Inacio' en Tras-os-Montes (norte de Portugal), e o 'siñor Enrique' nunha aldea de Montederramo. Os nosos montes están cheos de covas nas que moitos outros pasaron invernos á intemperie. As cortes das casas, entre o esterco, nos galiñeiros, en buratos no chan ou en dobre parede, son algunhas das saídas que encontraron moitos para sobreviver. Mentres... as escolas volvían á rutina mais antipedagóxica da súa historia recente.

Te puede interesar