A fundación María José Jove desenvolve na Coruña unha serie de campamentos destinados a persoas con discapacidade. Baixo o título de 'Esfuerza', tratan de promover a convivencia e a actividade física, en concreto a naútica

O mar fomenta a actividade física

A vela practícase en embarcacións adaptadas (Foto: Martiño Pinal)
Esfuerza, chámanse. O nome xa di moito do que significan uns campamentos cos que a coruñesa fundación María José Jove pretende inculcar nas persoas con discapacidade, ben física ou psíquica, a motivación para desenvolver por si mesmos diferentes actividades deportivas. O emprazamento mariñeiro da cidade herculina levou ós seus organizadores a centrar o programa en exercicios náuticos.
Dende o 2007, o programa Esfuerza vense desenvolvendo no inverno e no verán, pero este ano, por vez primeira, enfocárono de xeito máis longo no tempo e organizaron campamentos dunha semana de duración con 10 participantes de cada vez. Ata o de agora, pasaron seis quendas, con persoas con discapacidade procedentes de toda a xeografía galega e incluso de fóra.

A semana de campamento comeza para eles un domingo, día no que chegan á residencia universitaria de Rialta, onde se hospedan ata o venres. A maioría non se coñecen de antes, pero non tardan en aparecer os lazos de amizade, que, segundo aseguran, manterán unha vez finalizada esta experiencia. A praia e o mar convértense, despois de Rialta, nos lugares onde gastan a maior parte do tempo. As mañás dos martes e dos xoves deixan de lado a actividade física e destínanse á didáctica cultural. Este xornal tivo oportunidade de acompañar ós participantes ata o Aquarium Finisterrae, onde atenderon con grande interese ás explicacións sobre a vida da fauna mariña. Era xoves e os corpos xa levaban consigo case unha semana de actividade constante. A pesar de que a choiva amenazou a súa presencia durante o día enteiro, os monitores animáronse a saír a navegar nos barcos de vela, non sen antes repoñer as forzas gastadas na Casa dos Peixes.

Sen ganas de que a experiencia rematase, o carto día de campamento deixaba entrever estreitos vínculos entre participantes e monitores. Unha destas, Glenda Yáñez, é ourensana e, máis alá das vivencias dos integrantes, asegura que estes campamentos supoñen tamén un 'respiro familiar'. A iniciativa da fundación María José Jove contén un amplo programa de actividades e, aínda que hai quen non o leva tan ben, algúns aseguran que 'canta máis cousa, mellor'. As noites, como en case tódolos campamentos, acaban por ser o momento máis agardado, que eles chaman 'velada' e onde o grupo aproveita para demostrar o seu talento artístico, con diversións como as que ofrece o karaoke, entre moitas outras.

Te puede interesar