FESTAS DO SAN VITORIO

Maside celebra hoxe o día grande das festas do San Vitorio

A programación pecharase mañá á noite coa actuación do grupo 'La Edad de Oro de la Música Pop" na Praza Maior

Tras unha semana cultural previa, integrada por tres días de cine ó aire libre e a troulada que se desenvolveu na medianoite de onte, a localidade de Maside festexa hoxe ó seu patrón, San Vitorio, cun completo programa de actividades relixiosas e de lecer, organizadas polo Concello coa colaboración dos veciños. A alborada correrá a cargo da banda de música de Barbadás, que iniciará o seu pasarrúas ás 10,00 para anunciar o festexo, e tamén protagonizará un concerto na Praza Maior ás 13,30 horas.

A novo templo parroquial de Santo Tomé acollerá ó mediodía una misa solemne cantada pola coral polifónica A Torre, seguida da procesión do patrón polas rúas da vila. Xa polo serán, inaugurarase na Alameda a cuarta edición da Feira Mostra de Artesanía Infantil, onde veciños e visitantes poderán adquirir os artigos e complementos feitos polos rapaces do municipio. As orquestras New York e Catedral amenizarán a verbena a partir das 22,00 horas, cunha parada á medianoite para asistir a un espectáculo pirotécnico.

Mañá, domingo, seguirá a festa cun pasarrúas, ás 10,00, e un concerto, ás 13,30, da banda  escola de música do Carballiño, mentres a misa do mediodía vai ser cantada polo Orfeón da vila do Arenteiro. A continuación, sairá da igrexa parroquial a procesión do San Vitorio polo casco urbán, e, tra-lo xantar, reabrirase, ás seis da tarde, a feira dos xóvenes artesáns, que se poderá visitar na Alameda. A programación dos festexos de Maside pecharase  cunha gran verbena a cargo da orquestra Tango e a actuación estelar do grupo La Edad de Oro de la Música Pop, que interpretará cancións dos anos 70 e 80 do pasado século. Pero, temén á medianoite, o público terá a oportunidade de asistir á outra sesión de fogo.

Te puede interesar