XORNAL ESCOLAR

Encontros pola paz

Un ano mais, e achegándose ás datas do 25 de abril, teñen lugar os Encontros Galego-Portugueses de Educadoras/es Pola Paz

Un ano mais, e achegándose ás datas do 25 de abril, teñen lugar os Encontros Galego-Portugueses de Educadoras/es Pola Paz, a actividade de formación de profesorado dos distintos niveis educativos, que iniciara en 1986, Suso Jares, co apoio de Nova Escola Galega. Van polo tanto 29 edicións.

Ata a cuarta edición, os Encontros rotaban polas catro provincias galegas, e foi nos terceiros en Ourense, nos que se decidiu, que fosen participando convidados de Portugal, e que mesmo fosen eles os organizadores, alternando un ano en cada lado da raia.
Desde a 8ª edición que foi en Lisboa, con mais de 200 participantes, os encontros viaxan ano a ano entre Portugal a Galicia, polo que despois de que a Pomba largada en Chaves en 2012, nos levase á terra de Suso, á súa Viana natal, en 2013; volveuse a Chaves no 2014, e alí decidiuse que fose Chantada a nova sede.

Por primeira vez, os Encontros son en Chantada, pero promete unha edición especial, anticipatoria da que será a grande festa da 30 edición.

O tema monográfico xira ao redor dunha cuestión que consideramos chave  na educación, como é a "Convivencia e Benestar para o Século XXI: Experiencias e Recursos". Esta complexa realidade actual brinda valiosas oportunidades para repensarmos as alternativas da vida en común e o poder transformador das accións educadoras comprometidas cun mundo máis xusto, igualitario, sustentábel, harmónico e pacífico.

Neste Encontro afondaremos en innovadoras perspectivas, ferramentas e dinámicas educativas dirixidas á consecución dun benestar común óptimo, libre das múltiples expresións da violencia. Entre outras temáticas, abordaremos: a titoría entre iguais, planos de convivencia escolar, o fomento de redes locais de resposta social de base, a colaboración intersectorial, o sociodrama, as prácticas restaurativas, a música, a danza e a creación artística e literaria. Sen que falten, os eixos dos encontros desde a súa orixe: os xogos e dinámicas cooperativas, a asamblea final, a foto anual da paz, e a largada da pomba. Tamén poden aportar ideas e experiencias os asistentes (consultade o programa na web de Nova Escola Galega). Outro mundo é posíbel; comeza coa nosa firme decisión conxunta de promover unha Cultura de Paz transversal. Vémonos en Chantada!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_1505_lagrimeo_01
Escola de Familias

Lagrimeo en el lactante