Opinión

Boas iniciativas, mal concretadas

Como amigo de Israel, non deste ou dese goberno, desa ou desoutra política, senón dun pobo esforzado, traballador e mártir que soubo sacudirse o sambenito da historia, sorber as bágoas e forxarse un oco, de seu, no mundo moderno.

Como amigo desa verdade imprescindible para esa paz xusta e necesaria que debe proxectar luz sobre as mentes e os corazóns dos homes.

Como amigo e amante dunhas das cidades da miña vida, onde afundín as raíces da miña felicidade na vida universitaria, sempre ao redor da historia e da busca da verdade, e digo Compostela e éncheseme a boca ao pronunciar o seu nome.

Como simple ser humano libre, sensible e pensante, coñecedor directo dalgún deses protagonistas que levaban tatuados no antebrazo un número como símbolo da vesania e ruindade que pode aniñar nos corazóns dos homes. Como todo isto, estou desacougado.

Leo dunha fermosa iniciativa do Concello da amada Compostela pola que se inaugurou un parque dedicado a Janusz Korczak, un médico e pedagogo xudeu polaco que protexeu no que puido os nenos xudeus do seu orfanato no Gueto xudeu de Varsovia ata que a principios de agosto de 1942 foi conducido xunto cos colaboradores e 200 nenos ao campo de exterminio de Treblinka, onde ningún sobreviviu ao Zycklon-B. Fermosa iniciativa, si, a compostelá. Pero mal realizada. A placa conmemorativa do novo parque santiagués, despois dos datos do dedicado, sinala: “Médico educador, e protector da infancia que foi asasinado xunto ao persoal e aos nenos e nenas do orfanato que dirixía no campo de exterminio de Treblinka”. Si. Non menos imprecisa que a placa dedicada en Madrid, no domicilio de Ángel Sanz-Briz, chamado “o anxo de Budapest”, pois salvou máis de 6.000 xudeus. Sinala a tal, “salvó del holocausto a miles de seres humanos en Budapest, en 1944”.

Por que esta ocultación da palabra xudeu? Os nenos e colaboradores de Janusz Korczak, igual que el mesmo, foron mortos por seren xudeus, nunha fábrica de morte destinada a xudeus. Os “seres humanos” que puideron ser salvados in extremis en Budapest polo embaixador da España de Franco, fórono por seren xudeus. Por que esa ocultación? Non é algo inocente, desde logo. O acontecido na historia non pode, non debe ser dulcificado por cuestións tácticas de pequena política concreta actual. Por que ese medo a sinalar, sen máis, os asasinos como nazis e as vítimas como xudeus? 

E si. Efectivamente. Existe un conflito territorial entre Israel e Palestina que eles deberán arranxar. E si, os amigos dunha parte e da outra debemos animar á paz, á contención, ao acordo, á convivencia. Como fan os bos amigos nas pelexas da xente. Pero son eles os que deberán establecer modos e tempos. Non debemos usar ese tema para asuntos “nosos” de política pequena. O momento, por suposto, non é fácil, para ninguén. Mesmo a democracia israelí, única da zona, debátese nunha crise de identidade histórica no medio das tensións globais e movementos no taboleiro do mundo contemporáneo. Pero crise, tamén é oportunidade.

Creo que, tamén por xustiza histórica cos 150.000 xudeus serfarditas, incluídos os de raíces galegas, asasinados nos campos nazis, non debemos ocultar nunca esa orixe. Como sinala unha placa en ladino en Auswichz: “Ke este lugar, ande los nazis eksterminaron un milyon i medyo de ombres, de mujeres i de kriaturas, la mas parte djudyos de varyos payizes de la Evropa, sea para syempre, para la umanidad, un grito de dezespero i unas sinyales”.

PD/ Debe, tamén, o Concello de Ribadavia, poñer unha placa explicativa complementaria ao mural evocador da actividade das irmás Touza no salvamento dos xudeus durante os tempos da II Guerra Mundial, para que aquel adquira senso e lembremos todos o seu xesto marabilloso.

Te puede interesar