Opinión

Seis medidas electorais revolucionarias

Dado que o de pitoniso seica non é o meu, vou dar unha serie de ideas para organizar mellor as eleccións, como politólogo vangardista. Algo complicadas parecen e creo que non suscitarán unanimidades. Pero en fin, poderían ser interesantes.

Primeiro. Que os votos de antes das once da mañá computen dobre. Valoremos máis os dos que se erguen un domingo pensando en cumprir coa súa obriga, antes que os do nugallau que vai forzado a iso das sete e media. Máis peso á voz dos máis interesados.

Segundo, as candidatura todas deberían poñer unha fianza de 1.000 euros que sería devolta se obtivesen máis do 5 % dos votos. Doutro xeito, quedaría para os gastos xerados: impresión de papeletas, gastos de mesa, seguridade, etc. É disparate imprimir tantas papeletas como votantes de todas as candidaturas, para logo algunhas candidaturas nin faceren campaña sequera, e obteren cen ou dous centos votos. Digamos Coalición Galega, por exemplo, que eu cría tan extinta como o brontosaurio. Quen queira xogar á democracia por xogar, que polo menos pague a equipación. E se non teñen mil euros, tampouco valerían para gobernar: non se pode chegar con tanta fame: serían os máis corruptibles.

Terceiro. Imprimir, claro, un só modelo de papeleta. Chega. Se as candidaturas son pechadas, o máis barato, áxil e neutro é facer unhas papeletas tipo senado, grandes, que inclúan, iso si, os nomes de todas as opcións e, entre paréntese, a alineación de cada unha. Marcaríase un X diante dos escollidos, e xa está. Máis barato e fácil de contar.

Cuarto. Prohibir o envío de papeletas e sobres a casa. Quen non saiba collela, non está en condicións de decidir. Para axudar habería un funcionario público neutral –tipo policía ou profesor- que lle desen a papeleta aos que non saben votar. A papeleta que quixese o votante, claro. Tamén habería un corpo oficial de “acarrexadores” -transporte institucional, como o escolar- asistido por neutros facilitadores do voto.

Quinta. Esta pode ser polémica. Dado que as mulleres maduran antes que os homes –iso din- manter o voto feminino aos 18 anos e retrasar o dos homes ata os 21 porque andan medio apirolados con tanta pantalliña e tanto fútbol. Tamén se pode adiantar o feminino aos dezaseis e manter o dos homes aos dezaoito. Podería valer. Por certo, en Arxentina, homes e mulleres votan en urnas distintas. As mesas repártense dentro do colexio non por orde alfabética senón por sexo. Como os baños. Natural. Van facer cousas parecidas.

Sexta. Outra revolucionaria. Xubilación aos 70. A xubilación debe incluír tamén a tranquilidade de non ter que responsabilizarse do futuro dunha sociedade, da que son, fundamentalmente, experiencia pasada. En fin, que calquera cargo debería cesar de oficio aos setenta e do mesmo xeito, a obrigación dos electores. Se a esa idade, aos 70, non se pode traballar, pois tampouco votar. Si. Unha persoa nacida, por exemplo, antes do desembarco de Normandía, da caída de Hitler, e da invención do plástico, debe descansar e non meterse en camisas de once varas decidindo quen e como goberna nos próximos anos nunha sociedade radicalmente allea ao que eles coñeceron de novos. Que pasee, que descanse, que aproveite. Unha liberación, en serio. Xa nos equivocaremos nós sós, sen axuda de tanta experiencia. Radicais, as medidas, non cren?

Te puede interesar