Opinión

OURENSANÍA, OURENSANIDADE, OURENSANISMO...

Hai bastantes anos, o xornalista e amigo Segundo Feijóo Alvarado e Montenegro propuxo o neoloxismo 'ourensanidade' como definitorio das cualidades esenciais dos que eran de Ourense. Creo que algo tiña que ver cunha homenaxe e sinalaba como parte positiva desa personalidade ourensá, unha especial capacidade para o diálogo e a comunicación entre persoas de distintas ideas, así como unha actitude de modesto orgullo da orixe, pero nunca, para nada, localismo obnubilador -que podería ser o inexistente 'ourensanismo'- por contraposición a evidentes localismos 'coruñesistas' ou 'viguesistas', de absurda oposición fratricida norte sur. Don Segundo, como persoa que participou moi activamente nas tertulias dos cincuenta, no impulso da revista 'Posío' e no lanzamento do teatro en Ourense, tiña razóns suficientes para saber que algo existía no trato que particularizaba aos de Ourense. El, que viña do mundo azul, pero que tiña amigos galeguistas e comunistas ?moitos dos artistas que promocionou dicían selo- sabía que estaban todos máis preto humanamente do que moitos pensaban. Porque en Ourense era así a cousa.


A súa proposta neoloxística tivo, desde logo, menos éxito que aqueloutra máis recentemente cuñada por Luís González Tosar, pero cun algo de semellanza no sentír, que é 'ourensanía', e que patrocinada pola Deputación ata outorga premios con ese nome. E non está nada mal.


Certo que eses sufixos 'ismo', 'idade', 'ia' comparten o feito de seren referencias á abstraccíón. Pero con matices. Para nós, os 'ismos' evocan no mundo das ideas máis doutrina e tendencia que outra cousa. Así comunismo, cristianismo, localismo, oporíase a outros ismos, capitalismo, paganismo, universalismo. Por iso, ourensanismo, non serve. A cualidade de ser de Ourense non é oposta a nada. Non é de nós definirnos por un inverso negativo. O sufixo '-idade' que manexaba Alvarado, conduce inevitablemente á cualidade do que expresaría un adxetivo base: daquela, bondade, responsabilidade, solidariedade, lealdade serían a cualidade do bo, do responsable, do solidario, do leal. Algo semellante é o que signifícan os substantivos abstractos rematados en '-ía', bonhomía, valentía, ufanía, cortesía, ousadía, veteranía, escolanía. E aí si ten un encaixe fermoso esa 'ourensanía' como particular forma de ser e de entender o mundo desde aquí.


¿Existe? Eu non só creo que si, senón que é a nosa forma de ser. Explícome. Como ninguén nace fóra do mapa, a nosa xeografía primeira, física e humana, coa que nos identificamos de xeito natural, é Ourense. Por iso para nós, Lamas Carvajal, Curros Enriquez, Faustino Santalices, José Angel Valente, Otero Pedrayo, Xaime Quessada, Manolo de Dios, Cabeza de Manzaneda, o Teixedal de Casaio, os Cigarróns, a bica de Trives ?ou Laza ou o Castro-, os viños das nosas catro denominacións de orixe, son cousa moi de noso. E se queremos cidadáns identificados coa súa terrra colectiva, debemos comezar pola vivencia que nos faga sentir orgullosos do primeiro nivel, pois, desde logo, os galegos non nacemos fóra do mapa. E a nós cadrounos ser de Ourense. Sen localismos, e abertos ao mundo.

Te puede interesar