Opinión

O seny escocés

Da seguridade do Vaticano ocúpase desde hai séculos unha Garda Suíza, e da seguridade da Gran Bretaña ocúpase unha Garda Escocesa, ou, polo seu nome máis coñecido, a Scotland Yard.

Realmente o Reino Unido, a Gran Bretaña, é moi pouco máis que a vella unión política de Inglaterra e Escocia. Gales, o entrañable e próximo Gales (20 mil quilómetros cadrados, 3 millóns de habitantes, e con Tom Jones e Catherine Zeta-Jones como principais figuras), é unha minusculancia satelitizada de Inglaterra desde o século XIII; e a Irlanda do Norte, rica e esgazada, é a leada monumental que todos coñecen.

Os escoceses, moi celosos da súa identidade –alporízanse se lle chaman “english”- viron proxectada a súa imaxe no mundo pola súa integración na Gran Bretaña e recoñécense nesa imaxe. Quen espallou as gaitas polo mundo, de Palestina á India, senón o exército británico? Quen difundiu a imaxe icónica dos homes de saia con fama de tacaños e pendencieros? Que sería do cine bélico sen eses sons gaiteirís no medio dos tiros e asaltos? Alá onde chegou o imperio británico, chegou Escocia. Plural Escocia onde suman, desde hai moitos séculos, tres linguas: inglés con moito acento de seu (70%), scot –unha outra lingua xermánica vella emparentada co inglés- e uns residuos célticos nas illas máis ao oeste e máis ao norte na que á penas se expresa o 1 %. Escocia é plural, rural e urbana, vella e nova, con identidades mesturadas, como Irlanda, Cataluña, Galicia ou calquera outra parte desta Europa gozosamente entrefrebada e libre na que vivimos. E agora Escocia deberá decidir se manteñen o pacto de Unión de 1707 polo que desaparecera o Reino de Inglaterra e o Reino de Escocia, e os seus parlamentos, para daren lugar ao Reino da Gran Bretaña e ao Parlamento de Westminster. A verdade é que a cousa con marchas adiante e atrás xa se viña fraguando desde 1606, en que James VI de Escocia herdara a coroa inglesa. Que a cousa acabara integrándose e creando sinerxias para a expansión mundial, como en España, era cousa de tempo.

En fin, chéirame que moi maioritariamente van apostar polo mantemento da situación actual. Alí son protestantes moi arrichados –o conflito de Irlanda débese en parte a que a maioría dos protestantes irlandeses son desta orixe- e por iso no colectivo tamén asumen as responsabilidades de xeito moi persoal: cada un deles votará non para castigar a ninguén, reparar ningún agravio, ofensa ou parvada histórica, senón como se o seu voto decidise o futuro. E, fóra romantismo, non lles vai nada mal sendo cidadáns da Grandísima Bretaña. Ademais o poder de Londres foi moi hábil. Nada de sentimentalismos ou ameazas, só cartos. Que queren camiñar sós como fixeron os eslovacos pobres afastándose dos checos ricos? OK. Ningún problema. O goberno de Londres asumiría os compromisos internacionais para que non haxa desacougo nos mercados, e cobraría, claro, a Escocia a súa parte da débeda. Arestora están xa aireando cifras, e son ducias de billóns de euros o que haberían de reembolsar ao longo de décadas. En fin. Creo que van dicir que mellor a boa avenza que o mal pleito. O dito, o non gañará por máis do 65 %. Nada, nada que ver con España. Nin pola historia nin pola xente. Aquí votamos moito para amolar e pensando que a máquina dos billetes funciona como unha fotocopiadora, toner e papel.

Te puede interesar