Opinión

Os ecos da noite electoral

(JOSÉ PAZ)
photo_camera (JOSÉ PAZ)

Hai quince días  que se celebrou outra noite electoral. Dúas semanas van alá e aínda resoan os ecos desa noite; unha noite tan especial, tan distinta a outras, que nela todos gañan, ninguén perde e sen embargo do mundo, do noso e pequeno mundo, diríase que deu un chumbaragato. Hoxe xa nada é como foi.

É evidente que estamos falando dos resultados obtidos e das reflexións que os políticos lles ofrecen ós seus electores nesa noite sempre máxica. Máxica ou tráxica. Xa se sabe que hai maxia negra, pero a miúdo esquecemos que tamén a hai branca.Todos se amosan satisfeitos. Sigamos. Os que perderon dous escanos asubían de contento, mentres sacoden a man, mantendo o polgar entre o furabolos e o corazón, como se acabaran de metela nas augas ferventes das Burgas e puidesen considerar a experiencia positiva. 

Os que se quedaron sen escano algún, afirman estar felices e contentos porque conseguiron que outro partido, non o seu, senón outro, non sexa necesario pra que o gañador compoña unha maioría de goberno. O que ven sendo algo así como aquilo de “que eu cegue con tal de que outro perda un ollo”, xa ven que cousas.

 E, por fin, os que perderon a oportunidade de ser necesarios pra formar ese goberno, tamén se senten felices e contentos porque grazas a eles e ós seus resultados o mundo vai seguir xirando doutro modo. Queda algunha outra manifestación de idiocia pero tampouco non hai porque lle dar maior importancia.

Calquera diría que isto sexa así e que, en breve e indesexable prazo o mundo, o mundo no que vivimos e que sempre xirou de oeste a leste, deixará de facelo, calquera día e grazas a eles, pra continuar facéndoo de leste a oeste. Dito doutro xeito, o que foi dextroxiro continuará sendo levoxiro e viceversa, dito sexa así pra non enfervorizar a aqueles que preferirían utilizar os términos dereita e esquerda, ou esquerda dereita, según os casos.

Todas estas consideracións, todas estas chiringotadas se  prefiren definilas con certa e posiblemente necesaria acritude, lévanme á relectura de Marco Aurelio quen no capítulo sexto das súas “Meditacións”, unha vez chegado o seu parágrafo 18 escribe o que deseguido reproduzo pró lector atento:

“Que entolecido ven sendo o comportamento humano! Non quere respectar ós seus contemporáneos e máis ós seus concidadáns e porén pretenden, en sumo grao, ser louvados polos vindeiros ós que nunca viron nin verán xamais. O que ven sendo o mesmo que se te laiases porque os teus devanceiros non te agasallasen con palabras honoríficas”.

Como é lóxico, dada a proximidade dos feitos ós que vimos aludindo, os do resoar da noite electoral, as que axiña se nos veñen á mente son as declaracións dos políticos que, xeralmente, constitúen unha falta absoluta de respecto á intelixencia da cidadanía da que, logo de lelas, calquera diría que estea formada por unha serie infinita de desasistidos de capacidade algunha de compresión da realidade.

    Marco Aurelio, o emperador Marco Aurelio, o do pensamento estoico, non escribiu pra estes tempos (por moito que me suxira a min estas consideracións que, sen maior pretensión e empeño me atrevo a expoñerlles a vostedes) senón pra todos e pra calquera tempo. Marco Aurelio non debeu considerar preciso que habería chegar un tempo, este noso, no que unha clase de persoa humana composta por políticos falasen so pra eles e, circunstancialmente, o fixesen prós seus correlixionarios necesitados de que os seus dogmas políticos permanecesen inmutables. É imposible pensar que aqueles que non gañaron as eleccións estean falando prá totalidade da cidadanía.

Quizás resida a razón que explique tal comportamento na concepción relixiosa da política, dos partidos políticos, convertidos no que son grazas a considerar a militancia coma unha profesión de fe. Nun recente libro que trata da vida de Ives Montand e Jorge Semprún, un libro do que creo terlles falado e non vou dar máis referencias pois o nome dos dous aparece na capa do libro dándolle título, recórdase a afirmación de Santiago Carrillo de que é millor equivocarse dentro do partido que acertar fóra del. E así estamos, mesmo dentro do partido non se debe discrepar aceptando cegamente o que os dirixentes indiquen en cada momento. Resulatdo?: Cuestión de Fe, de Fe Politica equiparable a unha filiación deportiva.

Implica isto que se acaba de dicir que sexan innecesarios os partidos? Nin moito menos. Son necesarios e necesarios son tamén os sindicatos. O que si é innecesario é converter a política nun cuestión de fe na que os sentimentos primen por riba da razón. As devocións, as aceptacións cegas das verdades e dos mandamentos da igrexa da que se trate están ben, ou pode que non o estean, no caso das relixións; pero non someter á razón as actividades e as actitudes daqueles responsables do benestar da cidadanía, non reflexionar sobre o comportamento dos políticos e as afirmacións nas que basean os seus actos, explican os seus acertos ou pretenden xustificar, cando non agachar os seus erros, pode resultar suicida. Suicida non só pra eles senón pró conxunto da cidadanía.

Non sobran os partidos políticos, pero si sobran as leis que os empuxan a se comportar do xeito no que o fan. É necesario cambialas, é preciso introducir emendas na Constitución que non só o permitan senón mesmo que empuxen a considerar como nefastas as normas que, sendo útiles nos comezos constitucionais, conduciron directamente a esta versión da política que converteu ós seus actores nunha casta arredada da realidade común ó resto da cidadanía. O Estado non é deles, menos aínda só deles, senón de todos nós, do conxunto da cidadanía que non ter por que ser tratada coma se fose un conxunto de de desasistidos de raciocinio.

Te puede interesar