Opinión

Se fumega, tamén 
pode ser néboa

Nada era definido, nem o indefinido. Por isso apetecia chamar fumo à névoa, por ela não parecer névoa, ou perguntar se era névoa ou fumo, por nada se perceber do que era”. (Livro do Desassossego, Fernando Pessoa).

Hai cousa dunha semana, mentres desandabamos o monótono camiño que vai dende o bar Sil ata o bar Cabanillas, despois de libar uns pracenteiros tragos de viño, e antes de dar conta do terceiro vaso do día, para pasmo dos meus acompañantes, pareime un anaco cando avistei unha rapariga –ben parecida, por certo!- que calzaba chancas cos paus na súa tonalidade natural e co coiro de cor rosada. Sorprendeulle a un dos meus compadres –Xulio Rivero- que me abraiase ao ver a alguén cubrindo os pés cun calzado tan estrafalario. A este amigo deulle máis que ver a miña actitude de paspán ca rareza das chancas, tal e como nos comentou a min e ao outro compadre, Xan Salgado. Ao parecer non era a primeira vez que vira mozas con zocos da cor das flores das plantas dicotiledóneas, comunmente denominadas “fucsia”.

O meu amigo Xulio, de credo pesoeiro –o outro socio é máis ben da miña corda- tratou de convencerme de que, o feito de que haxa xente que gasta zocos dunha cor tan impropia non debería ter maior importancia. Na nosa infancia tamén calzabamos chancas e ninguén se espantaba. As que levabamos nós eran de cor crúa e untabámolas con pingo, ou coa bergalleira do porco, e as de agora son rosáceas e úntanse con crema fina que tamén procede do cocho. Niso consisten as grandes mudanzas históricas: na cor das chancas. E na untura. O coiro sigue sendo coiro e a untura daquela era de graxa de porco e agora é de graxa de cocho. Niso consiste o cambio, en pequenos retoques que non danen a esencia.

Ao parecer, niso tamén consiste a galeguidade dalgunhas empresas, nunha miga de esencia que parecese descomunal, nunha chisca de galeguismo para embobarnos mentres colle folgos a couza do auto-odio que medra sen parar no noroeste España. 

Ah! Nunha recente conversa desas que se fala sen falar -sistema wasap- pregunteille ao meu tío Lisardo se pode ser posible que as vindeiras eleccións xerais traian cambios que pague a pena, á parte dun novo presidente, con gravata frouxa, cabeleira atada cunha goma e algo de barba, no canto dun tipo con corte de pelo clásico e coa cara sen afeitar. E o meu parente respondeume que ía pasar algo así coma co asunto das chancas. Pouca cousa, fóra da cor e da graxa. E Galicia? Nada, ou no mellor dos casos, case nada. Aquí nin sequera cambia algo para que todo siga como estaba. Recordando o título daquela fabulosa película de José Luis Cuerda, “Amanece, que non é pouco”. E se fumega non necesariamente ten que haber lume; tamén pode ser néboa!

 

Te puede interesar