Opinión

TRANSPARENTES

Dende que descubrín que para circular polas autovías antigamente denominadas 'Scut' (sem custo para o utilizador) de Portugal, podías efectuar o pago nunha estación de servizo, cada vez que me cadra ir a Oporto pola autovía da costa, anteriormente gratuíta e agora de pago automático, fago sempre a mesma operación, que non é outra cá de realizar unha parada na gasolineira que hai uns quilómetros máis alá da ponte de Viana do Castelo -xa que logo, ata esa ponte, o percorrido pola autovía de Ponte de Lima é gratuíto- e contarlle ó 'funcionario' a miña vida, é dicir, se o meu itinerario é de ida ou de ida e volta, e abonar o custo único da viaxe (algo máis de 5 euros) ata a cidade portuaria, sen andar con ningunha outra preocupación de compra de tarxetas temporais, a saber, con ou sen dispositivo electrónico, 'obu/tag, easy toll, toll service ou toll card', o que implica que para poder circular case teñas que ser licenciado en inglés.


Nantronte fixen de novo este percorrido cuns familiares e, evidentemente, apliquei a mesma operación. Sen embargo, cando me puxen a falar co empregado da estación lembrei que xa puxeran en funcionamento esas novas modalidades e pregunteille onde estaba situado o punto de control e venda desas novas cartas de pago. El, dilixentemente, forneceume a información e díxome: 'En Vila Nova de Cerveira'.


Entón, dixen para min e tamén para a súa atención, aínda que sabía que el non tiña a máis mínima responsabilidade no asunto: '¡Moi ben! ¿E os que vimos do interior pola vía rápida de Ponte de Lima?


A súa resposta foi lacónica: 'Pois, ós que veñen pola A-27 non lles queda outra opción ca facer o pago aquí na estación'.


En resumidas contas, que se vostede reside nalgún lugar de Ourense -fundamentalmente do sur da provincia- e quere viaxar a zona xeográfica que media entre Viana do Castelo e Oporto (a Esposende, Povoa do Varzim, Ikea ou o aeroporto, por exemplo) ou vai pola autovía das Rías Baixas ata Valença de Minho e logo Vila Nova de Cerveira, dando un cumprido rodeo de varias ducias de quilómetros, ou non lle queda outra ca facer unha parada de rigor -teña ou non teña que repoñer gasolina ou gasoil- e botar unha parrafada cos caixeiros da estación, ben é certo que moi amables, sempre, e con moi boa atención.


O asunto é que se repite a miña operación, sairá de alí como eu saio sempre, é dicir, ben atendido pero con algo así coma un cuarto de hora de retraso respecto da viaxe prevista, igual ca cando Fernando Alonso ten que facer unha parada en 'boxes' que non estaba prevista no programa da carreira.


Saíra de alí con ese retraso e sobre todo coa sensación de que, unha vez máis, somos completamente transparentes -ou, mellor dito, non existimos- os que vivimos na Galicia interior.

Te puede interesar