Opinión

Unha futura educadora

Tiven oportunidade de contemplala de vagar porque a ocasión así mo brindou. E dun xeito casual, tamén é certo.

Presenciaba, coma min, unhas intervencións do ámbito educativo nun espazo formal, digamos -para axustar un pouco o escenario- que certamente nobre e que non vou identificar porque tal concreción resulta irrelevante para o retrato que eu quero.

Atopábase un pouco máis adiante ca min, pero na bancada contraposta, o que me deu a oportunidade, cando reparei nela, de observala con detemento.

Andaría, máis ou menos, polos trinta anos e se a perspectiva de soslaio que a miña ubicación permitía non falla, semelloume que asomaba nela unha barriga  algo redondeada que me informou de que non tardaría moito en ser nai, se é que aínda non o era.

Portaba unha estética -digamos- "hippye", tanto nas súas vestimentas coma no corte da cabeleira. E tomaba notas… Polo que a relacionei como alumna universitaria dalgunha carreira relacionada coa docencia.

Ata aí nada saía do normal e xuro e perxuro que me pasaría completamente inadvertida se o relato que continúa non acontecera.

Nun momento dado, mentres un dos oradores teorizaba sobre as diferencias entre pedagoxía e docencia, a moza ergueu os pés sobre a cadeira, colocando as pernas en posición de iniciar unha sesión de yoga, para entendérmonos.

"Será para que lle descanse mellor a criatura que leva dentro", dixen eu para min, en canto ela sacaba da bolsa unha botella de auga e lle botaba un grolo, reproducindo así un costume tan popularizado agora en occidente, coma se a sociedade de consumo nos convertera nos últimos anos en seres hidrofáxicos ou hipersedentos.

Pero, con todo, tampouco foi iso o que me chocou tanto como para decidir gravar a anécdota nesta columna. O que certamente me deixou definitivamente descolocado foi o paso seguinte, xa que logo, mentres na tribuna de oradores continuaban desenvolvendo teorías sobre innovación educativa e outros conceptos para formar ós nenos e ás nenas do futuro, a moza, nin curta nin preguiceira, igualiño ca se estivera completamente soa, sentada no sofá da súa casa, seguindo unha conferencia por streaming e non no medio dun salón público, na compaña de arredor dun cento de asistentes, meteu de novo a man na bolsa e sacou unha mazá -reineta ou tabardilla, ata tal punto non chego- da que deu conta con cadenciosa lentitude e sen facer ningún ruído, tamén é certo.

Non sei... Probablemente, cando se licencie, será unha boa educadora. Non o poño en dúbida. Pero, mostras de urbanidade, ó certo é que, ós meus ollos e ós do resto, non deu moitas.

Te puede interesar