Opinión

Tan correcta como xélida

Primeira película que chega deica nós dun director danés con varios títulos xa na súa mochila, “A herdanza” (2002), sorprendente premio ó mellor guión no Festival de San Sebastián de 2003, é unha tan correcta como xélida, tan interesante como distante peripecia sobre certos destinos; unha fábula moral na que o aparente príncipe bo vólvese corrosivo director de empresa, ó tempo que ve como a súa vida.afectiva se vai ó garete.
Narrada nun longo flash-back, “A herdanza” amosa, nos seus comezos a un feliz propietario dun restaurante, namorado da súa rapaza, unha prometedora actriz de teatro, a quen con ironía o director e guionista coloca en vésperas de interpretar a Julieta no inmortal drama de Shakespeare. Pero unha acción na que nada ten que ver a parella (o suicidio do pai do protagonista) deixa a este literalmente ó fronte dunha inmensa fortuna familiar en forma de gran fundición con preto dun millar de traballadores e un futuro incerto. Este dato, coidadosamente oculto no comezo, é o que actúa como motor dunha acción que vai obrigando ó noso capitán de empresa polos camiños que el non imaxinou para o seu futuro.

Así, a película convértese nunha fina mostra de como funciona hoxe o capitalismo industrial, tanto dá se adscrito ó modelo nórdico ou a calquera outro posible: redución de cadros, traizóns e desenganos..., cousas de todos os días no mundo das fusións e integracións internacionais. Per Fly, o director, conta todo isto cunha distancia que en ocasións actúa ó seu favor. Pero contáxiaselle tamén ós momentos máis dramáticos, eses nos que a distancia significa unha ferida mortal para a adhesión do público coa sorte dos personaxes.

De aí parten os peros que se lle poden facer ó filme, que aínda así  ostenta unha moi coidada posta en escena, unha máis que correcta interpretación e un guión de insólita solidez. O filme vese con interese e en ocasións ata cun punto de angustia.
 

Te puede interesar