Opinión

Aconteceres dunha semana convulsa

Cada semana que pasa deixa tras de si aconteceres diversos. Novas aciagas e tristes a maioría, e poucas que alumean esperanza. Vivimos tempos convulsos e cheos de incertezas. Sociedade globalizada na economía, pero non nos dereitos das persoas; sociedade líquida segundo algúns filósofos, sociólogos e politólogos, que optaron por este nome para amosar a súa inestabilidade e velocidade cambiante en moitos aspectos fundamentais. Con todo, hoxe comentarei catro temas que van dende aspectos xerais ate asuntos que temos máis preto de nós. 

O primeiro, que se me antolla o máis importante por ter unha repercusión no mundo, é a visita do papa Francisco ó Parlamento Europeo. Visita que realizou 26 anos despois de que outro sucesor de Pedro o fixera. Pero desta vez, o franciscano fíxoo para falar dos problemas que atinxen á sociedade actual. Para denunciar a preponderancia dun sistema económico mundial inxusto. Para denunciar tamén a avaricia dun capitalismo, ás veces salvaxe, que camiña pisando e escravizando ás persoas. Para dicir que os grandes poderes económicos secuestran a democracia. E tamén, para pedir ós líderes do Islam que condenen o terrorismo mundial, e así abrir unha porta á tolerancia e ó dialogo entre os pobos e as relixións. Cuestión esta última que lembra ó famoso pacto ou diálogo entre as diferentes civilizacións que propugnou hai anos Zapatero. En fin, falou un papa próximo, moi humano, que promete cambios nunha Igrexa tan necesaria deles. Nunha Igrexa acosada por bastantes casos de pederastia.

Outra nova que me chamou a atención veu dada polo desmarque que fan os dous presidentes dos clubes Atlético de Madrid e Deportivo pola morte dun seguidor do equipo coruñés o pasado domingo na capital do reino. Claro que a confrontación foi fora do campo de fútbol, pero as inchadas violentas teñen cobertura e son protexidas por moitos clubes. E o que debera ser unha tarde de deporte espectáculo, rematou sendo un día aciago, triste para os amantes do balompé. E non é este o primeiro caso que se da, pois dende 1982 xa morreron nove persoas nos diversos estadios españois. E dende as bancadas do clube madrileño, aínda hoxe coréanse consignas de aviso intimidatorio lembrando a morte hai anos de Aitor, un seguidor da Real Sociedade. 

Xa máis preto de nós, o anuncio de que Beiras non será candidato ó Parlamento de Santiago, aínda que tardío, abre a porta á renovación de líderes nesta terra tan escasa deles. Beiras, o que levou ó nacionalismo galego ás máis altas metas de representación e segunda forza política en Galicia, apartase da política, o meu modo de ver, tarde, o que deixa para moitos galegos un sabor agridoce. Pasou de ser o gran aglutinador serio, a aparecer como un líder agora un tanto egocéntrico, que conduciu a parte do nacionalismo a un camiño incerto no eido ideolóxico e operativo o que, á larga, pode ser algo negativo para esta terra.

Xa máis preto de nos, o PSOE local elixiu o seu candidato en primarias para o Concello da cidade das Burgas. E fíxoo xubilando ó que fora secretario xeral en Galicia, Pachi Vázquez. Moito traballo lle queda o novo aspirante á alcalde para unir a un partido dividido se quere, seriamente, aspirar á gobernar na casa consistorial.

Esta foron as catro novas que, ó meu modo de ver, marcaron esta semana. Novas para un tempo de crise que bule axiña, que pasa case coma un lóstrego sen espazo para analizar esta e outras noticias e pensar nas consecuencias que delas poden vir. Conviría que camiñásemos pola vida un tanto máis sosegados, e así poder pararnos máis no valor das cousas sinxelas, da xente, que ó final somos as alma mater da nosa sociedade.

Te puede interesar