Opinión

AUTOCOMPLACENCIA

Pois non sei que é mellor, se autocomplacerse para fuxir da realidade paupérrima que temos, ou se vivir mirando para outro lado ignorando que somos unha terra que morre devorada pola endogamia das súas propias estruturas de poder. O certo é que, ao igual que se tardou en recoñecer catro ou cinco anos a crise económica actual, un importante sector da provincia tarda demasiado en decatarse de que Ourense, dende hai máis de 20 anos, fenece lentamente. E este clamoroso silencio de moitos, e o conformismo da gran maioría que so se mira a si mesma sen importarlle o derredor no que vive, axuda, e moito, a que isto sexa unha realidade incuestionable.


Claro que a complicidade, amparada nun galeguismo de gaita, xantar e loas ao patrón de turno, resultou de gran axuda para acadar a triste realidade social que temos. Din moitos pola baixa que 'na terra dos lobos hai que ouvear coma eles', e aínda que para algún isto resulta moi bo, o certo é que somos un territorio que vive na absoluta autocomplacencia ate a súa morte definitiva. Nada que reprochar a ninguén, pero o estado provincial, a situación do rural, a decadencia absoluta dun territorio que ten máis clases pasivas que persoas activas, o envellecemento da poboación e os estilo de gobernar son claves para entender que non temos futuro a medio prazo.


Agora que os nosos fillos emigran buscando oportunidades no resto do mundo; agora que todas a promesas de grandes inversións en Ourense foron flor dunha campaña electoral, a triste realidade dinos que imos polo camiño errado. Pero, uns calando e outros autocompracéndose e enxalzando a política populista de quen exerceu o poder, como diría a cantiga My Way que popularizou Sinatra, a súa maneira, miran para outro lado deixando entrever o que di o refrán dos lobos.


Agora que están próximas as eleccións autonómicas, cabería reflexionar e preguntar: ¿de que valeron máis de vinte anos de goberno na institución provincial?, ¿mellorou en algo a provincia nese período de tempo? E Ourense, ¿gañou posicións fronte as outras provincias galegas, e iso viuse reflectido nos presupostos e inversións? E ese galeguismo de gaita e empanada, ¿serviu para algo que non fora enterrar a Coalición Galega por uns postiños en Santiago?


A autocomplacencia agradecida é unha enfermidade difícil de curar. O agradecemento permanente lémbrame á adhesión inquebrantable doutros tempos felizmente superados. Lévame a non culpar a ninguén, pero tamén incítame a pensar nos valores da política, no que debe ser o seu obxectivo principal: traballar polo conxunto da sociedade, non so para a parte. Está ben agradecer, pero non en nome da provincia, pois a provincia non é patrimonio so dos agradecidos. A provincia é algo máis, aínda que habería que reflexionar sobre se é útil a división provincial, e se serven para algo as deputacións.


En fin,: os políticos son o reflexo dunha sociedade, e unha parte da nosa sociedade segue sendo proclive a autocomplacencia. Que lle imos facer, é o que hai.

Te puede interesar