Opinión

Unha voz tenebrosa

Falan, a grande maioría, cunha voz que anuncia treboadas e desgracias; falan cunhas verbas que resoan a medo, pois, sibilinamente, anuncian desgracias e maldicións bíblicas. Fan premonicións que veñen do máis alá, do fondo das tebras. E para elo, aproveitan os actos de estado para que as súas misivas se escoiten e teñan resonancia por todos os lugares do orbe.

Pensar que as sociedades son uns entes que non evolucionan e que as xentes precisan sempre de pastores que viven presos de dogmas que se consideran os únicos e verdadeiros, e polo tanto inalterables, é tanto como encadearse a un pasado remiso a mudar e a evolucionar. Por iso, todo o que se separe deses principios está demonizado por estas xerarquías, e é considerado un grave erro.

Pero as persoas pensan, racionalizan, analizan os comportamentos, critican, toman decisións e teñen a mente aberta para camiñar pola vida. E como iso é así, aspiran, claro que con erros, a ser libres, pois non queren depender dos que sempre viviron baixo a tutela do poder político a carón dun réxime que, a cambio de levar ós dirixentes baixo palio, tiña moitas prebendas e licencias. Deles dependían informes de boa conduta, de certificacións polas que podíase acceder a un determinado posto e, ademais, actuaban e eran os psicólogos da xente. Todo estaba baixo control. Pero todo muda, todo troca para seguir un rumbo ás veces impredecible, e mesmo confuso. Pero muda. E os tempos actuais non se parecen en nada ós de hai cincuenta anos. Por iso a xente foi accedendo a unha laicidade que cuestiona moitas cousas da Igrexa actual.

No funeral polo ex-presidente Suárez, monseñor Rouco aludiu na súa prédica aos graves problemas que, segundo el, nos poden levar a un enfrontamento civil. E claro, todos nos decatamos, menos el, de que os tempos son moi distintos. Si, hai cabreo na xente, hai crise económica, hai moito paro, pero de seguro que o diálogo en todos os eidos imporase e os problemas serán solucionados civilizadamente.

Por moito que se busquen paralelismos entre a España dos anos trinta do século pasado coa actual, non hai posibilidade de facer unha comparanza, nin de ver os perigos que astutamente deixou caer o cardeal. Por iso, monseñor, lembre que todo muda. Lembre que a economía mundial globalizouse, con vantaxes e perxuízos; lembre que moita xente non está contra a súa institución, se non que pasa dela. Non quere conflitos, pero na súa protesta non queima igrexas. Lembre igualmente que estamos na Unión Europea e o diálogo prevalecerá sobre os que teñen unha única e exclusiva visión de España. Por iso, as súas verbas intencionadas soan descolocadas e fora de contexto. Se acaso, pódese quitar unha conclusión: vostede parece que está algo resentido porque a Igrexa non ten o poder que tivo tempos atrás. Iso parece que é o que lle quita o sono.

Conclusión, como xa todos somos maiores e estamos nun estado de liberdade de expresión, creo que debe poñerse máis ó día, e patear os centros de traballo, os barrios menos favorecidos, escoitar os problemas da xente e sobre todo deixar de vincular a relixión coa política. Se así o fai, axiña se irá decatando que o mundo evoluciona e que, por moitos problemas que haxa, estes resolveranse como queira a xente e faranse dialogando, que é como ten que ser. Pero cambie o ton de voz pois a súa fala sona a algo tenebroso, a imposición, e mete medo.

Te puede interesar