Opinión

Erdogan fortalecido? Será certo?

Ogolpe militar en Turquía deixa unha morea de interrogantes. Todo fai pensar que o Goberno de Erdogan xa o esperaba, e que mesmo puido telo alentado, dado que as forzas sublevadas non contaban cun apoio garantido pra se facer co poder. Hai moito de aventureirismo no levantamento e a rapidez da resposta, tanto das bases do AKP, como dos sectores fieis do exército parecen confirmar que non foi unha sorpresa. Entón, por que non abortalo previamente? Se cadra, porque con 290 mortos e 1.440 feridos polo medio, a resposta posterior permite a Erdogan esmagar os sectores que son críticos co seu Governo polo auxe da corrupción e a deriva autoritaria.

En principio van uns 6.000 detidos, a metade militares. A purga estendeuse masivamente ao poder xudicial, con case tres mil persoas destituidas. Este xa fora reformado pra garantir a súa dependencia do Executivo. Erdogan tería así pleno control de todos os mecanismos de poder, xa que a policía hai tempo  que está dirixida e nutrida por persoas da súa orbita. Todos os dados apuntan a que esta é unha confrontación entre faccións islamitas, xa que o Governo turco acusa directamente os seguidores do clérigo Gülen, (que vive dende 1997 nos Estados Unidos), os cales teñen unha importante presenza na administración, na xudicatura e na economía.
Turquía conta no contexto internacional, e moi especialmente no Medio Oriente. Tanto pola súa situación xeográfica, como pola súa dimensión: 780.000 km2, 75 millóns de habitantes e un PIB semellante ao do Estado español. A isto cómpre engadir que ten un  dos exércitos máis numerosos da OTAN, e que limita con Siria, Iraq e Irán. Ou sexa que ten un papel estratéxico pra as potencias occidentais, e agora ademais como muro contra o fluxo de refuxiados.

Un forte conflito no seo das clases dirixentes marcou os últimos anos. E agora, a falida sublevación militar acaba de entregar todo o poder a Erdogan, que dados os antecedes, vaino empregar sen contemplacións asociando intereses persoais e a pretensión de revivir a época imperial otomá. Sen dúbida, ademais das pelexas internas entre faccións islamitas, hai un transfundo que condiciona a actividade política. Refírome á cuestión curda, cada vez máis agravada. Lembremos que esta nacionalidade constitúe unha parte importante da povoación. Ademais, o apoio dos Estados Unidos e aliados ás milicias curdas iraquís e sirias, pra loitar contra o Daesh, van consolidando estados autónomos nas súas fronteiras. Arabia Saudita, Catar e Turquía arrouparon o Daesh e Fronte Al Nusra en distinto grao. Cando o  terrorismo se volveu contra occidente, a resposta da OTAN foi inevitábel, e prexudica os intereses de Ancara. O cambio de postura de Turquía en relación a Rusia semella que intenta evitar unha división de facto do territorio de Siria.

Mesmo saíndo vitorioso Erdogan deste levantamento militar, o certo é que a situación económica turca non é a mellor, a represión sobre o Curdistán somete grandes áreas a unha situación de guerra civil, e a inxerencia en Iraq e Siria comprometen cada vez máis o exército turco. Polo tanto, ollando con perspectiva, nada fai pensar que se poda considerar a sublevación como un triunfo definitivo do AKP. Moi polo contrario, o levantamento amosa a ruptura existente dentro do propio campo islamita, e a resposta, que todo indica que vai ser moi dura, abrirá novas feridas. O conflito sirio, se remata dividindo o país, será unha dor de cabeza xa que dará folgos aos curdos de Turquía. Se termina co triunfo de Assad e un país unificado, será unha derrota da estratexia de Ancara. Asemade, a entrada na UE está lonxana. O autoritarismo e o neoliberalismo de Erdogan, mesmo que gañe batallas, non consolida posicións. A súa única virtude é a debilidade dunha oposición duramente reprimida.

Te puede interesar