Opinión

A guerra do Chaco

Hai oito décadas, o 12 de xuño de 1935, rematou a guerra entre Bolivia e Paraguai pola disputa territorial do Chaco boreal, co triunfo militar deste último país. A guerra comezou no ano 1932, por iniciativa de Bolivia que pretendía deste xeito recuperar un territorio que consideraba seu, rachar coa falta de aceso directo ao mar, que perdera despois da confrontación con Chile na guerra do Pacífico (1879-1883), explotar as riquezas petroleiras da zona, e recuperar o prestixio nacional. Estes foron os aspectos nos que se centrou o discurso dirixido ao Congreso por Daniel Salamanca, Presidente de Bolivia, o 8 de agosto de 1932.

O certo é que Bolivia levaba unha década avanzando militarmente neste territorio practicamente despovoado sobre o que mantiña un litixio con Paraguai, o que deu lugar a sucesivos tratados, nos que este último cedía territorio, mais que non serían referendados polo Congreso Boliviano. A oposición exercía unha forte presión pra conseguir un aceso á parte do río Paraguai navegábel durante todo o ano. As reclamacións territoriais de Bolivia comezaron despois da guerra da tripla alianza que fixou os límites do Chaco entre Brasil, Arxentina e Paraguai, en prexuízo deste último. A principios de 1930 Bolivia tiña tres millóns de habitantes e Paraguai só 800.000. E os seus veciños, Brasil e Arxentina, 31 e 11 millóns respectivamente.

O momento era favorábel a Bolivia, xa que Paraguai atopábase inmerso nunha situación de conflitividade interna. Ademais, o primeiro tiña un exército adestrado por oficiais alemáns (o xeneral desa orixe Hans Kundt dirixía as operacións), con numerosos efectivos, e contaba con tanques, artillería e aviación. Mais a guerra no territorio en disputa non ía ser doada. O clima era duro e a auga escasa. Isto afectou moito a ambas as partes. E os paraguaios demostráronse máis fortes nesas condicións. Por exemplo, no inicio das hostilidades, tanto os bolivianos cercados no forte Boquerón, como as forzas paraguaias tiñan que traer a auga dende 50 quilómetros de distancia.

Despois de dous anos de durísimos combates, dende xaneiro a abril de 1935, os paraguaios conseguiron que o exército boliviano recuase. Este perdeu todo o territorio en disputa e os paraguaios incluso entraron en Bolivia. Porén, alí a xeografía non lles era favorábel xa que non eran un povo habituado ás zonas de montaña, polo que frearon o seu avance. As sucesivas derrotas das tropas bolivianas causaron un golpe de estado militar que destituíu a Salamanca en novembro de 1934.

Cómpre salientar, como un feito paradoxal, que aínda que no Chaco boreal morrían bolivianos e paraguaios no campo de batalla, o 80% do territorio pertencía a empresas estranxeiras. Sobre este aspecto relevante danse as seguintes cifras: dos 22 millóns de hectáreas que abranguía o territorio, 10.500.000 eran de propietarios arxentinos; e dos 30.000 paraguaios que o habitaban, 18.000 traballaban en facendas de capital arxentino.

Durante toda a confrontación estivo moi activa a diplomacia internacional procurando buscar unha saída negociada, que tamén era do máximo interese pra os capitais estranxeiros no territorio. Como parte destes intentos, o 11 de maio de 1935 constitúese en Bos Aires un grupo mediador baixo a presidencia do ministro de relacións exteriores da Arxentina, Saavedra Lamas. Integran ademais ese grupo, representantes de Estados Unidos, Brasil, Chile, Perú e Uruguai. O 9 de xuño chégase a un acordo completo, e o 14 dese mes cesa o fogo. Aínda haberá que esperar ate o 21 de xaneiro de 1936 pra que se realice o intercambio de prisioneiros. Calcúlase que a guerra causou 250.000 mortos e desaparecidos bolivianos e 120.000 paraguaios. Un sacrificio inmenso se temos en consideración a povoación de ambos os países.

Te puede interesar