Opinión

A pexa do sucursalismo

Dende o inicio da crise non houbo un contexto tan favorábel pra o medre da economía no Estado español: o conflito con Rusia aféctalle menos que a Alemaña, Francia ou Polonia; a rebaixa do prezo da enerxía permite equilibrar a balanza exterior; a queda do euro beneficia as exportacións; o aumento do turismo polas dificultades en Tunisia, Exipto e Grecia fai que medre o consumo; a flexibilidade cuantitativa do BCE potencia o crédito; o crecemento dos Estados Unidos turra das importacións. A estes factores hai que engadir, en clave electoral, a enxurrada de obras públicas nestes meses, que alargan o emprego e o consumo.


Resulta evidente que todos estes aspectos, mesmo sendo positivos, non deixan de ter un carácter  conxuntural. Porén, non aproveitar o momento pra asomar a cabeza fóra da auga e tomar un chisco de aire, amosa ate que punto a estrutura económica pode estar danada. E todo indica que esta é a situación económica de Galiza, xa que somos o vagón de cola do Estado español en crecemento do PIB durante o pasado ano; só un 0,5%, cando a media foi do 1,4%. Un dato moi preocupante, que se debe considerar extremadamente grave cando se lle suma o saldo negativo na creación de emprego e enxurrada emigratoria. O retroceso, nalgúns casos desfeita, durante os últimos anos, de sectores básicos, como son o forestal, lácteo, pesca, naval, eólico, pedra ornamental, etc, así como a venda a intereses foráneos de empresas insignias, son a evidencia de que o proceso de axuste, de concentración e centralización capitalista, estaba danando o tecido produtivo no noso país.


Non fomos quen de realizar as modificacións na estrutura económica pra facela competitiva no novo contexto mundial, algo que por certo tampouco fixo o Estado español na medida necesaria pra esta nova etapa. Na Galiza, ademais, o axuste saldouse coa perda de capacidade produtiva, de emprego, e cunha sociedade máis desigual. E todo ilo, malia as riquezas potenciais do país, en materias primas, enerxía, extensa costa, clima benigno e a xeración mellor formada (aínda que despois, un 80% dos contratos son de peón). Un proceso de crise (axuste) que non se pode dar por rematado, xa que o contexto é moi complexo, e a competitividade económica e social está moi condicionada pola confrontación en todos os ámbitos entre as grandes potencias. Por exemplo, xa se fala de que o petróleo vai subir a partir de agosto-setembro, dada a crise de explotación co método de fracking nos Estados Unidos e Canadá. E como van evolucionar os conflitos militares en Ucraína, Libia, Iemen, Siria, Iraq, Nixeria...? Hai moitos interrogantes. Todo está moi aberto.


Onde están as eivas, os atrancos pra que, con tantas potencialidades, os resultados de Galiza sexan tan negativos en comparanza con outros territorios do noso entorno, que carecen destas vantaxes? Sen dúbida ningunha, o maior de todo os pesos é a dependencia, o sucursalismo, a renuncia a desenvolver proxectos funcionais ás necesidades do povo galego. Un exemplo: ao mesmo tempo que se sabía que eramos o territorio con menor medre do PIB en 2014, a conselleira de facenda salientaba que fomos quen mellor cumprimos cos obxectivos de déficit público marcados polo Governo central. Parece que o importante é facer o que nos mandan os de arriba, sen importar se esas políticas son beneficiosas pra os galegos e galegas. Unha postura que só se entende se domina na Xunta o pensamento do cargo político máis preocupado do “ascenso en Madrid” e da porta xiratoria, en vez de servir a Galiza. Unha actitude que non se cingue en exclusiva á economía, tal como acabamos de comprobar co reaxer compracente diante da sentenza do Tribunal Supremo avalando a normativa regresiva sobre o ensino da lingua galega. Estas son as pexas que hipotecan o noso futuro.

Te puede interesar