Opinión

A revolución de 1846 fracasou en Ourense

Hai 170 anos do levantamento en Lugo de sectores progresistas do exército contrarios a Narváez, quen presidía o Governo. Terían como aliados os “provincialistas”, que reivindicaban a unidade da provincia (Galiza) e un trato xusto. Estes últimos déronlle un perfil galeguista á insurrección, cando non foi apoiada no resto do Reino. Ao levantamento militar uniuse Compostela, a provincia de Lugo e Pontevedra. Formáronse xuntas revolucionarias e incorporáronse carabineiros e gardas civís, así como máis dun milleiro de voluntarios civís, entre eles universitarios. Despois da formación da Xunta Suprema de Galiza o día 15 de abril en Compostela, creáronse dúas divisións, duns 2.500 homes cada unha. A comandada por Solís tiña a finalidade de liberar A Coruña e Ferrol, e a que dirixía Leoncio Rubín de Celis, Ourense.

Entre as medidas que tomou a Xunta, ademais das de orde militar, figuran as seguintes: derrogación dos aranceis xudiciais de 1845, reforma do plan de estudos, reforma dos pasaportes, modificación do imposto de consumos e portas, supresión do sistema tributario, supresión da policía, rebaixa do sal, arranxo do culto e clero, substitución dos concellos establecidos no 1846 polos de 1843, declarar auxiliares todas as xuntas de Galiza. O día 17 saía o primeiro número do voceiro Revolución que daba os motivos do levantamento: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte, vaise levantar desta humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, conságrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza (...) galegos contando co voso apoio logrará –a Xunta- que a nosa provincia sexa temida e respectada”.

Leoncio Rubín de Celis fixo o camiño moi de vagar e chegou ás portas de Ourense pola tarde do día 17. O xeneral Cedrera, ao mando das tropas acuarteladas na cidade, dispuxo a defensa. Tiña ao seu mando os batallóns de Guadalaxara e Mondoñedo e dúas seccións de carabineiros e Garda Civil. Segundo Tettamancy, malia que Narváez non contaba con moitas simpatías na cidade (tampouco na Coruña e Ferrol), e o progresismo era forte, ao non conseguir o apoio de oficiais, convertíase en inviábel a insurrección. Polo tanto, cando unha avanzada da Segunda División se achegou pra exixir que se sumasen á revolución, foi recibida cunha descarga de fusilaría. Comezou a troca de disparos. Non se intentou forzar a ponte, nin atravesar o río nas barcazas que estaban gardadas apenas por dez ou doce carabineiros. Ás oito da tarde Rubín decidiu que as forzas recuasen e iniciou esa mesma noite a marcha cara a Ribadavia.

Deste xeito fracasaba o intento de toma da cidade de Ourense por parte da Segunda División. As tropas de Rubín comezaron a desandar o camiño, sen unha finalidade clara, o que desanimou a tropa, e impediu que esta división se incorporase ás forzas de Solís en Cacheiras, como este esperaba, para confrontar mellor coas tropas de Gutiérrez de la Concha. A columna central de Rubín, de 1.500 homes atopábase o día 25 en Soutelo de Montes dirixíndose á Estrada, e despois practicamente sen acougo a Cuntis, e de aquí a San Xurxo de Sacos. Alí Rubín xunto co seu axudante e un guía abandonou a tropa. O día 26 embarcaba en Vigo cara ao exilio.

Na batalla de Cacheiras houbo 60 mortos e 160 feridos. A loita continuou en Compostela, onde o combate sería corpo a corpo. En total máis de 500 baixas. A insurrección foi derrotada por tropas moi superiores, e comezou a represión. Moitos cuarteis convertéronse en prisións. Houbo expatriacións e o fusilamento dos xefes en Carral. Uns fuxidos pasaron a Portugal e outros formaron guerrillas en Ourense e Lugo. Mais a derrota non foi total. A revolución deixou semente, e en marzo de 1856 o Banquete de Conxo reabría o camiño do galeguismo.

Te puede interesar