Opinión

A transcendencia 
do conflito en Siria

Rusia e os Estados Unidos acaban de pactar un acordo de paz en Siria do que están excluídos a Fronte Al Nusra e o Estado Islámico. Sendo un paso adiante pra unha solución política ao conflito, terá moitos atrancos pra acadar os obxectivos que pretende. Ante todo, porque Turquía, Arabia Saudita e Catar, así como Israel, apostaron moi forte a prol da queda de Assad pra favorecer os seus intereses estratéxicos, sacándose do medio unha potencia militar rexional molesta. Por outra banda, Al Nusra e o EI, malia que foron apoiados por estes países nos últimos anos, paliando a pouca eficacia de opcións como os Irmáns Musulmáns, son forzas terroristas con axenda propia. Ademais, os governos de Turquía e Arabia Saudita necesitan deste conflito pra desviar as contradicións internas, que van en aumento pola situación económica e o medre das liortas nos grupos dominantes.

Polo tanto, neste contexto, todo dependerá da presión dos Estados Unidos e, secundariamente, de Alemaña, Reino Unido e Francia na Unión Europea, sobre os seus aliados na zona. Dependerá de cal sexa o grao de temor, por parte das grandes potencias, que a actitude de Arabia Saudí e Turquía precipiten unha guerra aberta, e de que Rusia e Irán non cedan. E, especialmente, que esta actitude soberbia e suicida de réximes ditatoriais ou/e mesiánicos arrastre a Rusia e a OTAN a un conflito armado, no que a utilización de armas nucleares poda ser unha opción inevitábel ou cando menos posíbel. Neste marco, o acordo entre Obama e Putin marca unha viraxe na política de Washington e, aínda que a paz non estea totalmente garantida, e que leve o seu tempo que o proceso avance, é un paso positivo. Isto non evita interrogantes. Como o de se este acordo terá ademais consecuencias máis xerais no confronto entre as potencias hexemónicas e as emerxentes na procura dun maior equilibrio no reparto da riqueza, do traballo e do poder no mundo.

Non é casual que o cambio de actitude de Washington se produza agora. Está xustificado pola desesperación de Turquía e Arabia Saudita, xa que os bombardeos da aviación rusa (sobre os grupos terroristas) reverteron a iniciativa militar a prol do Governo sirio. A isto cómpre sumar o avance das milicias curdas no norte do país, en colaboración con Damasco, o que coloca nunha difícil situación a estratexia de Ancara en relación coa cuestión curda en Turquía e coas súas pretensións expansivas en Siria. O Curdistán turco está sometido á lei marcial e hai semanas que o exército está a empregar artillería pesada en cidades tan importantes como Diyarbakir, seica pra combater as milicias do PKK. Os civís mortos suman varios centos, e os detidos miles, neste territorio. A presión islamizadora do partido de Erdogan, e a negación de dereitos ao povo curdo, aumentan a tensión interna, que o governo pretende canear revivindo no país unha identidade otomana mentres dá azos ao neoliberalismo.

Que se avance nunha solución política ten por diante moitos atrancos. O primeiro, que todo fai pensar que nun proceso electoral libre, a oposición armada “moderada” non o ten doado pra conseguir a maioría, tanto polas súas ligazóns co terrorismo, como pola súa dependencia de governos externos. As eivas do réxime de Assad, que son moitas, comezando polas políticas neoliberais que se impuxeron no país na última década, son percibidas como un mal menor nas circunstancias que hoxe sofre Siria, comezando porque daquela estaba garantida a convivencia entre grupos relixiosos e étnicos. O outro, como xa se dixo, é a actitude belixerante de Turquía e Arabia Saudita, alentada polas perspectivas de que o futuro governo dos Estados Unidos aposte por dar máis importancia á saída militar na confrontación con Rusia e China. O que suceda en Siria ten moita relevancia.

Te puede interesar