Opinión

Coa Garda Civil

Chega a data do 12 de Outubro, o próximo mércores, e chega de novo unha cita que cada ano teño comprometida coa gran familia da Garda Civil. Non lles podo faltar ao ourensán Comandante Oscar Grañas, ao Capitán Antonio Iglesias Salas e a todos os demais mandos e membros do Benemérito Corpo, con quenes comparto ao longo de todo o ano moitas horas de conversa e amizade, unha amizade afianzada no xantar posterior aos actos oficiais propios do día da Patroa, a Virxe do Pilar. Nese xantar de confraternidade é onde tiven a oportunidade de coñecer ás familias que comparten a Casa Cuartel da viguesa Rúa Sevilla, e que desde entón me honran co seu cariño, algo que eu trato de devolverlles incrementado e facéndoo público desde os meus programas de radio e televisión; os mesmos programas desde os que en tempos ben difíciles de asasinatos terroristas, nos que non había moita xente que se “mollara” por aquelo de non ser ben visto políticamente, eu sí lles enviaba en todo momento a miña solidariedade persoal e a de todas as persoas de ben.

Os que temos a inmensa fortuna de poder chegar a milleiros de persoas a través dos medios de comunicación, como neste caso os xornais La Región e Atlántico Diario, podemos colaborar decididamente en moitas campañas que teñen como misión salvar vidas. E esta é a misión máis importante que ten encomendada a Garda Civil, e máis específicamente os membros da Agrupación de Tráfico, con quenes moitas veces nos enfadamos, aínda sendo amigos, sen darnos conta de que o feito de ter que “pasar por caixa” ao cometer unha infracción seguramente nos está salvando de ter que pasar por outra caixa infinitamente pior, a “caixa de madeira” camiño do camposanto; e sen decatarnos de que cando falamos de “recaudación” deberiamos estar falando de “recaudar vidas”.

No xantar deste 12 de Outubro seguramente volveremos falar distendidamente deste e doutros temas, porque cando nos xuntamos con tempo, eu sempre lles conto algo do mundiño televisivo e eles e elas cóntanme algo do seu traballo diario, bastante menos grato en moitas ocasións; pero como eu ben lles digo nunca actuamos a gusto de todos por moi ben que fagamos o noso labor. E mentres os nenos xogan co parque que lles instalan para eles, os maiores volveremos degustar, ou iso agardo, os riquísimos callos de Coren, que nos axudarán a rirnos sacando de contexto algunhas cousas serias; é o que ten estar comendo ao lado e con total fraternidade con quen che acaba de dar un “coscorrón” en forma de “recibí” ben merecido por non respectar os límites de velocidade, que como ben sabemos non están postos de adorno.

Evidentemente, non poderán estar todos na festa, sempre terá que haber quen a perda para que os cidadáns nos sintamos máis seguros coa súa presenza nas carreteras e camiños. Por eles, polos que están, e polos que estiveron e deixaron a súa vida no empeño, brindarei e brindaremos especialmente o próximo mércores.

Te puede interesar