Opinión

Querida alegría

Alegría é comprobar como a pesar “da que está caendo”, expresión da que xa estamos todos fartos, aínda queda moita xente intrépida e loitadora que se embarca na gravación de discos, e mesmo discos en galego, co mérito que iso tén nun mercado que aínda non fomos quen de potenciar como se debe. Escribir, cantar ou facer calquera outra cousa en galego segue a ser labor de titáns, nun País como o noso onde a maioría dos pais están moi preocupados de que os seus nenos dominen o inglés e o alemán sen querer entender moi ben, ou nada ben, “para que sirve eso del gallego”.

Pois serve, entre outras cousas para que o cantautor ourensán Emilio Rúa nos sorprenda novamente cun traballo discográfico no que combina pezas da súa autoría con outras máis tradicionais ou populares ás que lles dá un novo “aquel” para que sen perder a esencia soen con outra frescura. É o caso da “Carolina” ou do “Pousa”, no que se deixa acompañar polo luxo da trikitixa de Kepa Junkera, o gran músico vasco e universal que o mesmo pisa as mellores alfombras para recibir premios internacionais que se implica no ourensán “Rebulir”, o querido festival que cada decembro converte ao concello de Ramirás no epicentro do baile e a música tradicional. Pero non soamente de Kepa se acompaña Emilio neste seu novo disco “Querida Alegría”, un CD cheo de fermosas letras de amor e desamor da súa autoría ou compostas polo escritor Xosé Carlos Caneiro, que sempre aporta a súa inspiración aos traballos do cantante de As Vendas da Barreira, completada algunha delas pola máxica guitarra de Daniel Minimalia, como acontece co tema “Premonición de estío”.

Gusta Emilio Rúa de rodearse de músicos e voces que engrandezan o seu traballo, como é o caso da Coral do Liceo de Ourense en “Se esta rúa fose miña”, das Cantareiras de Queixumes dos Pinos en “Me evaporo”, de Xestreu en “Andar Miudiño” ou da impagable colaboración da Asociación Down Ourense no “Pousa”, ademáis do resto de músicos que interviron no disco e mesmo a voz do gran actor Carlos Blanco.

Anda o amigo Emilio, ademais de promocionando e cantando este seu novo traballo, pensando xa nese proxecto ao que non para de darlle voltas, o de facer un gran disco de duetos no que se acompañará de grandes figuras da música, como é o caso de Víctor Manuel, co que recentemente apareceu no programa “Luar” para ofrecernos un anticipo de por onde van ir as cousas. Ilusión e ganas non lle faltan ao noso artista, que recentemente fixo as delicias do público nun concerto conxunto con María do Ceo na Catedral de Ourense. A grande e sempre amiga María, que onte mesmo puxo de longo no Liceo o seu novo dobre disco “De Portugal a Galicia Fado”, e con quen tiven o pracer de compartir esta semana un día precioso en terras de Cambados visitando as empresas do querido Manuel Abal, mecenas e amigo que, xunto coa súa dona Patricia e os máis de 300 empregados, fixeron sentirnos como na casa mentres aprendiamos algo do mundo do mexillón. Do xantar en “Casa Rosita” mellor fálovos outro día.

Te puede interesar