xornalescolar_0902_lixoteca_01
1 / 6

Para facer un cadro co teu nome, tan só precisas, unha cartolina branca, pinturas de diferentes cores, cinta de carroceiro, tesoiras e, para facer os pinceis, unha palliña de plástico, unha escoba de dentes e unha esponxa. Non esquezas coller un xornal vello para non lixar o lugar onde fagas esta manualidade.

xornalescolar_0902_lixoteca_02
2 / 6

O primeiro que terás que facer é “escribir” o nome que queiras que quede no cadro coa cinta de carroceiro. Vai cortando anaquiños para ir compoñendo as letras. Podes organizalas e dispoñelas no papel como ti queiras ou mesmo facer algún debuxo. Antes de comezar coa pintura, pon unhas follas de xornal baixo a cartolina.

xornalescolar_0902_lixoteca_03
3 / 6

Bota un pouco de pintura nunha esquina do xornal. O primeiro dos pinceis terá forma de estrela e, para facelo, só terás que facer uns cortes nun dos lados da palliña e abrilos. Esta será unha das texturas que usaremos, pero sempre podes optar por utilizar un pincel normal e ir pintando a cartolina con diferentes cores.

xornalescolar_0902_lixoteca_04
4 / 6

Outra das texturas que podes probar é a da esponxa e ir combinando as cores como máis che guste. O importante é que enchas de colorido toda a superficie da cartolina. Proba tamén cunha escoba de dentes, mollando na pintura e pasando un dedo polos peliños para que vaia salpicando sobre o folio.

xornalescolar_0902_lixoteca_05
5 / 6

Podes deixalo así ou mesturar ben tódalas pinturas facendo unha bola cunha folla do xornal e pasándoa sobre a superficie. Toca agora deixar secar e aproveitar para ir recollendo as cousas que xa non necesitamos. Cando vexas que secou, podes comezar a retirar a cinta de carroceiro con coidado.

xornalescolar_0902_lixoteca_06
6 / 6

Pouco a pouco irás vendo aparecer o teu nome en branco de entre a pintura. O resultado é moi colorido e vistoso, perfecto para decorar a túa habitación ou, se queres, para facerlle un agasallo moi especial ós teus seres queridos. O límite, coma sempre, é a túa imaxinación, así que xa sabes… Mans á obra!