Xornal Escolar

Os grupos de alimentos

Os alimentos todos que comemos divídense en diferentes grupos, tendo en conta o que lle aportan ós nosos corpos. 

xornalescolar_211020_menus_02
1 / 6

Hai en total seis grupos de alimentos. Seguro que che sonan todos, pero sabes para que serve cada un na túa dieta? O primeiro deles son os lácteos e derivados. Como indica o nome son aqueles que proceden do leite, coma o queixo, a manteiga, os iogures… Ademais de aportarlle calcio ós teus ósos, son un aporte de proteínas. Pero ollo coas graxas!

xornalescolar_211020_menus_06
2 / 6

A segunda categoría son as carnes, os peixes e os ovos; é dicir, tódolos alimentos de procedencia animal. Os seus beneficios para a túa saúde son que che aportarán moitas proteínas para ter enerxía e tamén vitaminas do grupo B. Deste grupo tampouco deberás abusar, pero si incorporalos para unha dieta variada.

xornalescolar_211020_menus_04
3 / 6

Imos agora coñecer a legumes, tubérculos e froitos secos. Fibra, proteínas e hidratos de carbono son os aportes que conseguiras cos alimentos deste grupo. Os legumes, en concreto, son moi sans para ti e ofrécenche moito ferro, así que non o dubides cando esteas fronte a ese prato de garbanzos ou lentellas.

xornalescolar_211020_menus_03
4 / 6

Os grupos catro e cinco son verduras e hortalizas e froitas. Seguro que ti xa sabes tódalas cousas boas que teñen para o teu corpo os alimentos desta categoría así que trata de cumprir esa regra de cinco pezas diarias e un pouquiño de verde sempre nos teus pratos para estar san e forte.

xornalescolar_211020_menus_01
5 / 6

Os cereais son os que mandan no último grupo. Para levar unha dieta equilibrada son imprescindibles. Podes incorporalos, por exemplo, ó teu almorzo, pero vixía ben que non teñan moito azucre cando os merques. Outra forma de comelos é en pan, mellor integral e con moitos cereais.

xornalescolar_211020_menus_05
6 / 6

Cóntanos os teus pratos! No Xornal Escolar estamos desexando coñecer as túas dotes culinarias e que bo chef eres, así que agardamos polas túas propostas gastronómicas para, entre todos, crear unha dieta rica e saudable cos teus alimentos favoritos. Envíanos os teus menús e receitas a “[email protected]”.