Xornal Escolar

Pon a proba o teu pulso con este labirinto

Na Lixoteca desta semana fabricamos un divertido labirinto co que poñer a proba o teu pulso e retar ós teus amigos.

xornalescolar_211020_lixoteca_02
1 / 6

Para facer este divertido labirinto tan só necesitamos cinco materiais: unha caixa de cartón, un tubo tamén de cartón, un rotulador, pegamento e unha boliña de madeira. Como ves son cousas moi fáciles de atopar e, ademais, os materiais principais son reciclados, polo que estarás fabricando un xoguete moi sostible.

xornalescolar_211020_lixoteca_04
2 / 6

Se aínda non tes os tubos pequeniños, corta en dez anacos un tubo grande. Pensa que este xogo axudarache, ademais de a divertirte, a aprender ben os números do 1 ó 10. Por iso, píntaos ben clariños para poder seguir o camiño do labirinto sen perderte nin equivocarte.

xornalescolar_211020_lixoteca_05
3 / 6

Cando os teñas, colócaos sobre o fondo da caixa de cartón pegados con pegamento. Non os coloques por orde, porque se trata de que sexa un labirinto co que poñer a proba o teu pulso, así que vainos poñendo aleatoriamente sobre a superficie. Canto máis descolocados, máis difícil será resolver este puzzle.

xornalescolar_211020_lixoteca_06
4 / 6

Para guiar os teus pasos sobre o xogo, podes marcar o percorrido entre os números seguindo a orde ascendente. Así, empezas no 1 e vas chegando a cada tubo co número seguinte a través dunha liña de puntos. Deixa ben claro cal queres que sexa o lugar de inicio e cal a meta. Outra vez, a dificultade do xogo marcarala ti mesmo.

xornalescolar_211020_lixoteca_03
5 / 6

Se xa o tes listo, só queda que collas a boliña da que falamos na foto dos materiais. É importante que teña algo de peso, porque a este labirinto xógase movendo a caixa e, se non pesa un pouco, non rodará e serache moi complicado poder acabar o percorrido e pasar a boliña entre tubo e tubo.

xornalescolar_211020_lixoteca_07
6 / 6

Listo! Xa estás preparado para xogar. Solta a boliña no inicio do percorrido, colle a caixa no aire e, coas túas mans, vai movéndoa para guiar a bola e que vaia pasando polos diferentes números. Poderás retar ós teus amigos a ver quen consegue rematalo antes. Xa sabes… Mans á obra!