AGRICULTURA

Agricultura sitúa en Canarias a orixe da praga da couza da pataca

Dende o Ministerio advirten que "o sector ten que actuar correctamente e aplicar todas as medidas establecidas para que non continúe a súa expansión". 

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar unha serie de recomendacións para frear a expansión da couza guatemalteca.  Unha das hipóteses que manexan dende a administración é que a orixe da entrada da couza en Galicia foi a introducción de pataca procedente de Canarias "de xeito irregular". Nesta liña, fontes do Ministerio explican que "cabe a posibilidade de que algún particular trouxera unha pequena cantidade de patacas á comunidade de maneira irregular para consumo propio". 

A primeira vez que se detectou a presenza desta praga en Galicia foi en 2015 nos concellos coruñeses de Neda, Ferrol e Narón. Na actualidade afecta a un total de 31 municipios das comarcas de Ferrolterra e da Mariña Lucense, sendo éstas zonas de autoconsumo. 

Segundo as últimas actualizacións, a praga da couza guatemalteca non afecta ás principais zonas produtoras de pataca en Galicia como son Bergantiños e a Limia. Sen embargo, dende o Ministerio advirten que "o sector ten que actuar correctamente e aplicar todas as medidas establecidas para que non continúe a súa expansión". 

Dende o Ministerio informan que as medidas para erradicar a praga pasan por evitar os movementos e sementes de patacas infectadas e nas zonas onde se detecte a couza non sementar tubérculos. 

Te puede interesar