Alimagro recibiu 5.000 visitas durante toda a fin de semana

Xinzo de Limia 3/9/21
Feria de la patata y de la maquinaria agrícola en Xinzo

Fotos Martiño Pinal
photo_camera Autoridades durante a presentación da feira. Fotos Martiño Pinal
Dende o Consistorio de Xinzo aseguran que as expectativas iniciais “superáronse con creces”

O Goberno local de Xinzo saca peito logo de clausurar este domingo a segunda edición da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola. Segundo subliñaron, “as cifras falan por si soas”: 5.000 visitantes -contabilizaron dende o Consistorio- recibiu o venres, o sábado e o domingo o recinto feiral de Alimagro, un evento no que, ademais, se produciron vendas dentro do sector agrícola de maquinaria especializada.  Para o equipo que lidera a socialista Elvira Lama, que confía en que o evento se consolide e sexa un referente no norte do país, este resultado “é máis que positivo”. 

Pola súa parte, a rexedora valorou “moi positivamente” a feira e expresou o compromiso do Concello para acadar a súa continuidade.“A produción agrícola da Limia é un piar fundamental do tecido produtivo e ten que ser economicamente rentable e sustentable co medio ambiente. Vivir no rural e do campo é posible se contamos cos investimentos necesarios”, dixo. Do mesmo xeito, o concelleiro de Medio Rural de Xinzo de Limia, Amador Díaz, mostrouse tamén “máis que satisfeito” co desenvolvemento da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola: “Foron moitos os visitantes que comprobaron de primeira man o seu potencial. O noso obxectivo era poñer en valor a pataca e aos profesionais do sector e conseguímolo. Iremos a por unha terceira edición”. 

A inauguración contou o pasado venres cunha ampla comitiva de autoridades, que coincidiron ao poñer en valor o traballo dos profesionais do sector e en seguir traballando da man en favor da agricultura. 

Despois dun ano de interrupción por mor da pandemia do covid, Alimagro regresou a Xinzo reconvertida nunha única feira -comezou diferenciando a pataca, do apartado da maquinaria profesional- e coincidindo no tempo cos primeiros traballos dentro da campaña de recollida de pataca, que se iniciou en Piñeira e Solveira coas primeiras unidades colleitadas. Dende o Consistorio matizan que Alimagro desenvolveuse “con todas as medidas de seguridade e protocolos” necesarios. Ademais do control de aforo, emprego de máscaras ou suministro de xel hidroalcohólico, estableceuse unha entrada e unha saída do recinto feiral entre o parque da Alameda e o parque do Toural.

Te puede interesar