A Limia

Amplíase a marzo o prazo para pedir axudas ao agro

A Limia

ECOAGRO

Amplíase a marzo o prazo para pedir axudas ao agro

O conselleiro de Medio Rural, José González -á esquerda- visitou o concello limiao de Porqueira.
photo_cameraO conselleiro de Medio Rural, José González -á esquerda- visitou o concello limiao de Porqueira.
Están destinadas á incorporación de mozos ao sector e a plans de mellora

Todos aqueles mozos interesados en incorporarse ao sector agrario e profesionais que queiran mellorar as súas pequenas explotacións poderán solicitar as axudas que ofrece a Consellería do Medio Rural neste senso ata o vindeiro 31 de marzo. Así o comunicou o titular da área, José González, que estivo este venres no concello limiao de Porqueira, onde supervisou os traballos de sementeira de trigo do país da variedade Caaveiro -destinado á Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego- e coñeceu unha granxa de vacún de carne. Ambas explotacións foron, precisamente, beneficiarias no seu día destas achegas para incorporación de agricultores mozos ao agro.

O conselleiro visitou nesta localidade traballos de sementeira do trigo e unha granxa de vacún de carne


González, que estivo acompañado da rexedora de Porqueira, Susana Vázquez, e tamén da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, indicou que a medida de prolongar o prazo se adoptou coa finalidade de darlle ao sector "máis tempo para facer os trámites oportunos" e lembrou que estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural -Feader- no marco do PDR de Galicia 2014-2020, ascenden nesta convocatoria a 41 millóns de euros.


Estes fondos forman parte, segundo subliñou González, dun paquete de axudas máis amplo co que se pretende axudar aos produtores, transformadores e comercializadores de produtos agrogandeiros e forestais, mellorar a calidade das producións, a competitividade das explotacións e as infraestruturas do rural e fomentar a remuda xeracional no agro.