MÚSICA

Andrea Loss, no cuarto encontro de directores de banda en Xinzo

Está especializado, dentro desta disciplina, na técnica, na xestualidade, no movemento das mans e en como acadar a independencia das mesmas

Andrea Loss, director do Instituto Europeo de Bandas -ubicado na cidade italiana de Trento- regresará a Xinzo de Limia os vindeiros días 1, 2 e 3 de febreiro para participar no cuarto encontro de directores de banda que se celebrará na sede da Agrupación Musical da Limia e dentro do Curso de Perfeccionamento á Dirección de Banda e o de Iniciación á Dirección de Banda de Música -ambos niveis promovidos pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED)-. Andrea Loss está especializado, dentro desta disciplina, na técnica, na xestualidade, no movemento das mans e en como acadar a independencia das mesmas. 

As clases comezarán mañá venres ás 16,30 horas e se prolongarán ata o domingo ás 13,30 horas. Nelas estudiaranse dúas obras en concreto: "Santo Grial", de Andrés Álvarez, e "Arcana", de Kevin Hoven. A formación dividirase en distintas técnicas de iniciación e perfeccionamento e prácticas con bandas. 

Xinzo de Limia acolle dende o pasado curso académico 2017/2018, cun gran seguemento, esta formación novedosa co obxectivo de formar directores nunha disciplina que non existía de maneira oficial. O obxectivo dos promotores é seguir traballando para que a vila limiá poida ofrecer os vindeiros cursos un máster específico nesta materia.

Te puede interesar