Antonio Piñeiro Feijoo: "O xornalismo de antes era de máis contacto persoal"

O xornalista Antonio Piñeiro Feijoo
photo_camera O xornalista Antonio Piñeiro Feijoo

O xornalista Antonio Piñeiro Feijoo vén de recibir o Premio Carlos Casares pola súa traxectoria e analiza a situación actual do seu oficio

Antonio Piñeiro Feijoo é un xornalista nado en Celanova en 1959 e colaborador de La Región dende marzo de 1985. Esta semana déronlle a boa nova de ser o gañador do Premio Carlos Casares pola súa lonxeva traxectoria no mundo do xornalismo.

Como comezou no mundo do xornalismo?

Comecei de corresponsal, iba para enxeñeiro pero parei no camiño. No ano 1985, unha persoa que foi subdirectora do periódico, propúxome daquela ser corresponsal. Eu estaba nunha época que non sabía moi ben que facer da miña vida, tiña unha certa tendencia social. Comecei levando a corresponsalía de Celanova e foi o inicio da miña escola dentro do xornalismo. Eu reivindico o xornalismo de oficio, agora máis ca nunca. Necesítase o xornalismo na rúa, coa formación necesaria. A miña foi autoformación, como a de moitos naquela época xa que aínda non había a Facultade de Xornalismo en Santiago de Compostela. Non todo o mundo tiña acceso a ir a Madrid a estudar xornalismo. 

Que cambios ve que se produciron ao longo dos anos no xornalismo?

Moitos. Fai pouco falaba cuns amigos daqueles tempos onde existía o xornalista de oficio. Eu escribía nun papel polas mañás a información e despois as catro da tarde estaba esperando a chamada do xefe para decirlle o que recopilara. Eu dictáballe mentres él iba escribindo no teletipo. A redacción de La Región aínda estaba na cidade, non pasara para o Polígono. Hoxe en día as crónicas semanais que fago serían imposibles de facer se non fora polos medios que temos. Cando eu comecei, por moi documentado que estivera, eran informacións inabarcables e diversas. O que había naquel momento era un xornalismo de contacto persoal, en todos os aspectos. Dáballe un toque cercano a información, coas súas virtudes e cos seus erros. Eu creo que se foi perdendo co paso do tempo e coa inmediatez de poder estar en contacto coas redes.

A que se dedicou ao longo da súa traxectoria xornalística?

A miña formación profesional está integramente relacionada con La Región. Fixen algunhas colaboracións ocasionais con outros medios pero toda a miña traxectoria está ligada con este xornal. Logo, cando se moveu a sede ao Polígono, creáronse as delegacións comarcais. Aí comecei a levar a delegación de Celanova e da Baixa Limia. Estiven levando todas esas delegacións, ata que nun momento dado, debido a que eu sempre compaxinei o mundo da xestión cultural, fixen unhas oposicións ao Concello de Celanova. Comecei a traballar no ámbito da cultura e a compaxinar a miña faceta de xornalista e como xestor cultural. Comecei a facer unha serie de reportaxes semanais, xa daquela compaxinaba entrevistas con reportaxes históricos, culturais e sociais de toda a provincia. Nun momento dado, a dirección do xornal ofreceume levar a Revista Auria, onde xa fixera colaboracións. Para min foi unha experiencia en todos os aspectos, moi formativa e establecín unha rede de contactos que é impagable. Dez anos dirixindo a revista. Foi un luxo.

Que significa para vostede traballar en La Región?

Nunca serei quen de agradecer ao xornal por iste traballo. Permitiume ter un coñecemento sobre o patrimonio histórico, cultural e social da provincia de Ourense a través dos colaboradores, coa propia xente da casa. Unha noticia que se podía dar no xornal, era moi ampliable, para poder publicar como reportaxe da revista. Foi unha gran oportunidade para min, que lamentablemente despois desapareceu, xunto con CaixaOurense que foi quen iniciou con La Región o proxecto da Revista Auria. Eu votei unha tempada longa colaborando semanalmente no xornal, cunha columna baixo o epígrafe de “Ourensalia”. Estiven bastantes anos, cunha columna, despois dúas e acabei con tres columnas semanais que me permitiron reflexionar co que estaba acontecer en Ourense. Dende unha perspectiva personal, cunha columna de opinión, que é algo que reivindico: “o columnismo”. O feito de que alguén poña o seu nome, apelidos e a súa cara, dando unha opinión, é moi valorable nestes tempos. Fixen máis de 5.000 columnas… 

Como xurdiu a idea de escribir as “Crónicas de agora e sempre”?

Estiven parando durante a pandemia e propuxen despois dun tempo, ao director do xornal e o editor, esta proposta de facer crónicas xornalísticas ligadas a unha información de actualidade. Escribo sobre ourensáns que nalgún momento dado fixeron algo interesante, pero sen embargo son grandes descoñecidos para nós. “O tempo é evidente que lle bota terra as cousas”.

Te puede interesar