ENTROIDO

A asociación A Pantalla designou nova directiva

Pantalla_result
photo_camera Un momento da asemblea mantida en Xinzo na que se deu conta da nova directiva.

Os novos responsables pretenden fomentar a participación dos socios

A asociación cultural A Pantalla, encargada da promoción e protección da figura do Entroido limiao, ven de iniciar unha nova etapa logo da formalización dunha nova xunta directiva. 

Despois de celebrar varias xuntanzas no Museo Galego do Entroido co obxectivo de acadar "un relevo xeneracional" mediante a procura de novos socios e dunha nova dirección, a entidade informou, por medio dunha asemblea, da composición do corpo directivo que estará formado por cinco vogais, un tesoureiro e unha secretaria. A presidencia e a vicepresidencia recaeron en Laura Moila e Luis Fariñas respectivamente. 

Dende a directiva destacan que estes postos "son meramente simbólicos" cobrando maior importancia a estructura de traballo que se empregará a partir de agora. Neste sentido, a asociación dividirase en grupos que se encargarán da parte educativa,da vencellada aos aspectos burocráticos e financieiros, da recadación, comunicación, historia e recompilación, imaxe e redes sociais e organización de eventos. Cada apartado estará aberto á colaboración do resto dos socios buscando, segundo informan dende a asociación, "que sexa o máis participativa posible". 

A Pantalla continuará traballando nos proxectos e actividades iniciadas nos últimos anos: charlas informativas nos colexios, recollida de material fotográfico, traxes e máscaras para a asociación e todas as cuestións vencelladas á difusión do Entroido de Xinzo de Limia. 

Outra das novidades é a recuperación da cuota de socio. 

Te puede interesar