INFRAESTRUCTURAS

Aumenta a demanda en Xinzo para que se faga un carril bici

Os colexios da vila movilizaranse mañá para reclamalo e concienciar sobre o uso da bicicleta

Os colexios Carlos Casares e Rosalía de Castro e os institutos Antioquía e Lagoa de Antela en colaboración co Concello, participarán mañá en dúas marchas en bicicleta que percorrerán as principais rúas da vila. Os mozos dos centros de secundaria partirán ás 08,15 horas da praza Maior e os cativos dos colexios farano dos centros ás 11,30 horas. Trátase dunha iniciativa promovida pola directiva dos institutos co obxectivo de concienciar á xente nova de que empregue un vehículo "saudable" e "respectuoso co medio ambiente" e tamén para solicitar á administración local a execución dun carril bici. "Xinzo es la Holanda gallega, una zona perfecta para pasear en bicicleta", sinala Rubén Garrido, director do Instituto Antioquía de Xinzo. 

Na capital da comarca da Limia son moitas as persoas de avanzada idade que empregan este vehículo. É o caso de Francisco, que percorre a diario os tres quilómetros que separan Rebordechá de Xinzo de Limia ou de Valeriano, un limiao de 89 anos que fai os recados e se move pola vila en bici. "O médico recomendoume andar, pero como padezo dos xeonllos emprego a bicicleta", explica. 

Outros veciños da zona consideran que a vila está "pouco aproveitada" neste senso. "Un carril bici é indispensable e todas as cidades e pobos", explica Marcos, un veciño de Xinzo. "Estaría moi ben, ademais, que se fixeran rutas para visitar os nosos lugares máis emblemáticos", engade.

Na actualidade existe en Xinzo un único carril bici de aproximadamente un quilómetro de lonxitude, ubicado á beira do río Limia, aínda que os veciños manifestan que "non está sinalizado de xeito correcto". 

Dende o Concello de Xinzo existe "predisposición" a efectuar o demandado carril. "É certo que se incrementaron as peticións para que o levemos a cabo", sinala Manuel Casas, concelleiro de Infraestruturas. "Estamos baraxando posibles ubicacións, unha delas correspondería a un tramo da avenida de Ourense", engade o edil. 

O concelleiro de Cultura e Deportes, Luis Miguel Gil, sinalou a importancia de "mellorar a infraestrutura urbana e de apostar por vehículos non contaminantes", nesta liña sinalou que "é algo que debe estudar con calma" e que os técnicos están "na procura do mellor emprazamento".

Te puede interesar