CONCELLO

Baltar dirixirá o orzamento a frear a perda de poboación

<p></p>
photo_camera O alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, ás portas da Casa do Concello.

O Concello dará mil euros por cada nacemento ou adopción e axudas polos empregos que se cren

O Concello de Baltar xestionará para o presente exercicio un orzamento que ascende aos 922.000 euros. Segundo explicou o alcalde, José Antonio Feijóo, o plan económico está "pensado para loitar pola supervivencia do rural", xa que contempla varias partidas "dirixidas a frear o imparable deterioro que está a sufrir o campo ourensán".

Nesta liña, o Concello destinará unha cantidade de 1.000 euros anuais a cada recén nacido durante os seus primeiros tres anos de vida. O único requisito para solicitar esta axuda é que un dos pais estea censado en Baltar, ademais de que se xustifiquen os gastos vencellados á crianza do cativo. Este apoio tamén se estenderá aos pequenos de ata 10 anos de idade que poidan ser adoptados no concello, co mesmo límite de tres anos.

O orzamento para o ano 2017 tamén inclúe unha partida para o fomento da empregabilidade. Toda aquela persoa que constitúa unha empresa a nivel local que xenere postos de traballo, poderá solicitar o financiamento de ata o 50 por cento dos gastos de constitución da mesma. As empresas xa existentes ou as de nova creación que o requiran, percibirán unha cantidade de 100 euros mensuais por cada novo traballador que incorporen á sociedade durante o periodo dun ano. O Consistorio de Baltar tamén incentivará a alta de novos autónomos cunha axuda de 100 euros mensuais.

O orzamento reserva unha partida de 10.000 euros para novas adquisicións que, segundo sinalou José Antonio Feijóo, "poidan ser estratéxicas e necesarias para o Concello, como foi a compra da nave empregada na actualidade como almacén municipal". O mantemento de pistas e rúas, e a optimización do servizo de iluminación no que, segundo Feijóo, "Baltar é pioneiro", contará cunha partida de 20.000 euros. Tamén se acometerán varias humanizacións e "empedrados" nos pobos.

Actividades culturais, deportivas e ocio 

O alcalde de Baltar sinala que dende o Concello "se ten feito un esforzo" para incluír partidas no orzamento municipal que teñan como fin a "dinamización de Baltar mediante o fomento de actividades culturais, deportivas e lúdicas". 

Deste xeito, 50.000 euros irán destinados ao desenvolvemento de actividades musicais, cursos sobre informática ou que teñan que ver coa saúde. Feijóo engadiu que un punto importante neste aspecto é a "potenciación dos recursos turísticos do concello" como é o caso das actividades de parapente que se levan a cabo na Serra do Larouco. Por outra banda, con motivo da Festa Popular de Baltar que se celebra cada verán, o Concello acometerá unha obra de acondicionamento no entorno do río co obxectivo de potenciar este evento. 

Te puede interesar