FESTIVAL

Baltar ultima o programa do Larouco Fest para xullo

Larouco Fest_result
photo_camera Un dos concertos que tiveron lugar durante a pasada edición.

O evento coincidirá coa celebración dun campionato europeo de parapente

O Laroucofest 2017 xa ten data para a súa celebración. Será o vindeiro día 29 de xullo na praia fluvial do Caneiro en Baltar, aos pes da Serra do Larouco. O evento coincidirá, en tempo e lugar, co Campionato Preeuropeo de Parapente e, por este motivo, a organización agarda que se superen os 1.500 visitantes da pasada edición. 

A organización deste festival correrá a cargo da Asociación de Mulleres Rurais da Raia, unha agrupación de xóvenes de Baltar e do propio Concello. 

Sandra Campo, unha das organizadoras, sinala que o obxectivo é que sexa un evento "único" e "un referente" na posta en valor da música tradicional, na defensa da natureza e no deporte. Neste sentido, haberá varias actividades ao longo do día a prol da concienciación sobre a problemática dos incendios que tanto ten incidido na serra que lle da nome a este festival. "Haberá charlas sobre este tema e está proxectada unha andaina ao alto do Larouco para que os visitantes coñezan a súa riqueza paisaxística", explica Campo. E é que o Laroucofest é a ventá a unha paisaxe "idílica" que a organización anima a "preservar e a coidar". 

Pola tarde haberá unha festa popular con foliadas e actuacións de grupos locais como as pandereteiras "Xeitosiñas" ou a Banda de Gaitas de Baltar. A cita incluirá un encontro de parapente organizado polo Clube de Parapente de Baltar, que a pasada edición congregou a máis de 130 persoas. Pola noite, despois dunha cea popular, terán lugar os concertos de folk e de música tradicional galega. 

Te puede interesar