Camilo Vila García: “Que un avó coñeza Tik Tok permitiralle estar máis preto dos netos"

Durante os últimos meses, Camilo Vila foi un dos encargados de contribuir, coa súa formación, a mermar a fenda dixital que padecen, especialmente, os maiores do rural. Ao remate, moitos eran quen de mandar un “selfie” aos seus netos,  xogar ás cartas ou utilizar todas as funcións de Whatsapp nun grupo. Vila asegura que esta aposta formativa ten que continuar, non tanto como formación, senón como acompañamento dixital para evitar o illamento físico e emocional dos maiores. 

En que consistiu este programa?

No Viso traballamos dende o rural e para o rural. Démonos conta da problemática existente en torno á fenda dixital. Danos un pouco de medo que o avance dixital sexa tan rápido para un contexto que non ten esa inmediatez. Esto sempre o traballamos, pero nos últimos meses o fixemos máis. Participaron medio cento de persoas repartidas en cinco grupos en Xinzo, Sandiás, Vilar de Barrio e Sarreaus. Combinamos o uso do teléfono coa formación en cultura dixital. 

Os maiores non sacan partido aos seus teléfonos?

O móbil para estas persoas é unha ferramenta externa. Todos os días hai que vencer unha pequena vergoña á hora de empregar o teléfono. O móbil para os maiores segue sendo un teléfono, non un dispositivo intelixente. 

Como o consegue?

Eu estoume ruralizando. Vivín 18 anos na cidade e acabo de volver. Aproveitaba para compartir as miñas experiencias con eles, por exemplo, á hora de pedir permisos por Interner para facer unha poda. Así acadábamos unha maior conexión entre uns e outros. 

Esta fenda dixital é máis grave no rural?

O móbil é unha parte, pero a cultura dixital é moito máis. Está no día a día e moito máis no urbano. Por exemplo, que haxa unha pantalla que indique o tempo que tarda en chegar un autobús é un paso previo á hora de facerse cunha aplicación que permita comprobar isto. Se no rural, apenas temos transporte, ¿que aplicación imos a ter?

Ademais de loitar contra o illamento, ¿que beneficios ten para os maiores aprender a usar o teléfono como dispositivo intelixente?

Que un avó saiba o que é o Tik Tok vai a permitirlle estar máis preto dos seus netos. Tamén que saiba empregar un filtro ou facer un ‘selfie’”. Sobre todo esto último permitiralle ter risas en común co seu neto, e iso é xenial. Se os maiores non teñen cultura dixital iremos afastándonos deles. 

Que apreciou vostede que era o que máis lle gustaba aos maiores de Internet e do móbil?

Recuperar a súa memoria histórica. Ver fotos e vídeos antigos, por exemplo, do ciclo do pan. 

Entre os alumnos, ¿cales eran as maiores inquedanzas no uso do móbil?

A seguridade. Preocupáballes o feito de poder empregar as aplicacións sen medo a un roubo. Moitos dicían iso de “Ai! eu non entro en nada, so o Whatsapp non vaia ser!”. 

Que é o que lle proporcionou a vostede este curso?

Tirar pola miña xente. Sentín moita conexión. É que iso non é traballo.

Te puede interesar